Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Música, visita do Apalpador, actividades infantís e a Cabalgata Internacionais de Reis na programación de Nadal en Tui

20/12/2018

Dende o luns poderase visitar unha exposición sobre o enxeñeiro Rafael Areses co gallo do corenta aniversario do Monte Aloia coma Parque Natural

Música, actividades infantís, a visita do Apalpador, unha exposición sobre o enxeñeiro Rafael Areses e a Cabalgata Internacional de Reis conforman a programación de Nadal que a partir de mañá continua no Concello de Tui.  As actividades previstas dan continuidade ás celebradas xa dende comezos de mes.

Mañá a cita estará no Teatro Municipal de Tui, onde se agarda cheo total para asistir ao Concerto de Nadal que a partir das 21h ofrecerán a Orquestra Sinfónica de Tui e o Coro Mistura Vocal. As derradeiras cen entradas poranse á venda mañá dende ás 19.30h no despacho de billetes aos prezos de 6€ e 5€.

Nunha semana, o venres 28 de decembro, tamén ás 21h no Teatro Municipal de Tui celebrarase o Concerto de Fin de Ano a cargo da Banda de Música Popular de Tui e da Coral San Telmo.

Os nenos e nenas poderán disfrutar os días 24, 26, 27, 28, e 31 de decembro, e o 2,3 e 4 de xaneiro de 10 a 13h dos Obradoiros Infantís que con carácter gratuíto, e un máximo de 50 prazas diarias, se van celebrar na Sala Xacobeo da Área Panorámica. O obxectivo é facilitar a conciliación da vida laboral e familiar durante as vacacións escolares de Nadal e ao tempo brindar aos cativos unha alternativa de lecer durante estas datas. Non é preciso inscrición previa.

Amais dende o luns 24 ata o venres 4 de xaneiro na Área Panorámica poderá visitarse unha exposición sobre o enxeñeiro Rafael Areses, organizada co gallo do corenta aniversario do Monte Aloia coma Parque Natural. Coa mesmo búscase recoñecer a figura e o papel desempeñado polo enxeñeiro Rafael Areses como gran impulsor deste espazo natural.

Amais este sábado, 22 de decembro, ás 12h estará na praza da Inmaculada o Apalpador dentro do programa Nadal en Galego da Deputación de Pontevedra. O Apalpador e a Apalpadora que estarán en Tui traerán música e landras aos cativos e cativas. En concreto chegarán acompañados dun músico e de sobres con landras preparados pola Estación Fitopatolóxica de Areeiro onde explican como plantar un carballo.

A programación de Nadal pecharase coa Cabalgata Internacional de Reis que se celebrará o sábado, 5 de xaneiro, dende Valença ata Tui.