Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

A mostra “Sorrisos Transformadores” chega a Tui para visibilizar a diversidade de identidades

20/02/2018
sorrisos transformadores

A exposición foi inaugurada esta mañá na Sala Anexa de Exposicións da Área Panorámica

Esta mañá inaugurouse en Tui a mostra fotográfica “Sorrisos transformadores”, unha exposición organizada pola Deputación de Pontevedra e a Asociación de familias de menores Trans Arelas.

Na inauguración estiveron presentes o alcalde de Tui, Carlos Vázquez Padín, a concelleira de Servizos Sociais, Estrella Carmen Muradas, e a concelleira de Educación, Mila González.

Na súa intervención o alcalde incidiu no papel das administracións á hora de transmitir unha mensaxe de tolerancia e destacou a importancia de educar na aceptación da diversidade en todos os sentidos e no respecto ao diferente.

Cristina Palacios, presidenta da Asociación de familias de menores Trans Arelas, foi a encargada de presentar a mostra aos asistentes durante a inauguración, destacando na súa intervención que as fotografías mostran a persoas que, cando non son discriminadas ou excluídas socialmente, sorrín tan a miúdo coma o resto da xente. Neste senso explicou que buscan fuxir da imaxe da transexualidade como a de persoas atrapadas nos corpos equivocados e asegurou que queren visibilizar a diversidade de identidades e de orientación.

A mostra inclúe 10 imaxes de persoas relacionadas coa transexualidade que se amosan alegres e orgullasas acompañadas dunha frase na que recollen a súa mensaxe de vida. É o caso de Laura Bugalho, primeira  muller transexual que visibilizou a súa realidade en Galicia, ou Pablo, o primeiro menor transexual galego que logrou mudar legalmente o nome e o sexo no seu DNI.

“Sorrisos Transformadores” pódese visitar dende hoxe e até o 2 de marzo na Sala Anexa de Exposicións da Área Panorámica.