Melchor, Gaspar e Baltasar chegan este ano en tren á Cabalgata Internacional de Reis da Eurocidade
É o décimo ano en que se celebra este percorrido real entre Tui e Valença coa participación de 150 persoas na comitiva
A Eurocidade Tui-Valença recibe aos Reis Magos de Oriente este sábado, 5 de xaneiro, na décima edición da Cabalgata Internacional de Reis da Eurocidade que une as dúas cidades. A comitiva real estará formada por 150 persoas que acompañarán a Melchor, Gaspar e Baltasar.
O punto de partida da Cabalgata é unha das principais novidades deste ano, xa que os Reis Magos de Oriente chegan a Valença en tren. Está previsto que ás 16h Melchor, Gaspar e Baltasar chegarán á estación de ferrocarril de Valença onde serán recibidos polas autoridades municipais, e a continuación haberá unha pequena escenificación. Ás 17h iniciarase o percorrido da Cabalgata polas avenidas do Colexio Portugués, avenida de Miguel Dantas, rotonda da Trapicheira, avenida de Espanha e antiga ponte internacional – onde está previsto que cheguen ás 18h - , para continuar xa en Tui pola avenida de Portugal, Martínez Padín e a rúa Augusto González Besada ata chegar ao paseo da Corredoira sobre ás 19h.
A rondalla “O Mosteiro de Pexegueiro” e o grupo de cantos de reis tradicionais da Asociación “Santa Columba de Ribadelouro” porán á nota musical á Cabalgata. Acompañarán tamén as súas maxestades de Oriente as carrozas de Arume de Malvas, Lembranzas da Terra de Guillarei, Xuntanza de Randufe e Valença. Os Reis Magos, Melchor, Gaspar e Baltasar irán en tres maxestuosas carrozas acompañados polo seus paxes. Participan tamén no desfile o tren turístico, os Bombeiros Voluntarios de Valença, Protección Civil de Valença, a GNR, o grupo Scouts Alhoia, Protección Civil de Tui e a Policía Local de Tui.
No Belén vivinte, no Paseo da Corredoira diante do Palco da Música, farase a ofrenda ao neno Xesús e se dará lectura á mensaxe real. Alí, Melchor, Gaspar e Baltasar agasallarán aos nenos e nenas con caramelos, sen glute e sen alérxenos, recibirán aos pequenos e pequenas que desexen saudalos.
Ao longo dos 3,5 quilómetros de percorrido da cabalgata repartiranse 1.500 quilos de caramelos.
Visita as residencias
Este venres, 4 de xaneiro, os Reis Magos, os seus paxes e as autoridades municipais, xunto a Rondalla de Pexegueiro, visitarán as residencias de maiores de Tui. As 10.45h estarán na residencia Paz e Ben e as 11.45h na residencia San Telmo. Pola tarde se achegarán tamén a visitar aos maiores de Valença.