Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Maña xoves inaugúrase a exposición "O patrimonio de Tui en maquetas" nos locais do "Carcere vello"

23/05/2007

MAÑÁ XOVES INAUGÚRASE A EXPOSICIÓN “O PATRIMONIO DE TUI EN MAQUETAS” NOS LOCAIS DO “CARCERE VELLO” Os recentemente rehabilitados locais do “Cárcere vello”, na rúa Sanz nº3, da nosa cidade, acollerán mañá xoves 24 de maio ás 20,00 horas a inauguración da exposición “O patrimonio de Tui en maquetas” que recolle a colección propiedade de Alejandro Pardo Martínez que reúne a case vinte maquetas realizadas por José Martínez Clotet sobre os máis senlleiros monumentos da cidade tudense. Con esta exposición inicia a súa actividade este novo local do Concello de Tui que ten sido acondicionado para acoller, nun inmediato futuro, un novo equipamento de carácter turístico e cultural: A Aula de Interpretación do Conxunto histórico de Tui. Con esta exposición das maquetas do tudense Martínez Clotet o Concello de Tui pon en marcha este novo servizo municipal que tenta promover o coñecemento e valorización do noso conxunto patrimonial. A contemplación deste conxunto de maquetas onde están representados os principais inmobles históricos tudenses: Catedral, igrexas, capelas e conventos é unha oportunidade única de achegarse ao noso conxunto patrimonial. Dende o Concello de Tui agradéceselles tanto ao autor como ao propietario da colección a súa colaboración para a montaxe desta exposición. Para o Concelleiro de Cultura do Concello de Tui a apertura desta exposición na futura “Aula de Interpretación do conxunto histórico” de Tui amosa o traballo que o goberno municipal ven realizando para a posta en valor do patrimonio da nosa cidade e, paralelamente, proporciona un novo atractivo á visita turística ao casco histórico tudense, fornecendo un novo equipamento cultural que permita aos seus visitantes apreciar o valor histórico e artístico de Tui. Moisés Rodríguez Pérez salienta tamén o importante significado da recuperación, como un novo espazo público, deste inmoble, que conserva importantes elementos arquitectónicos de relevancia, e que acolleu no seu día o cárcere civil da nosa cidade e a chamada “Escola de María” promovida no século XVIII polos Xesuitas. Co cárcere vello e co Museo Municipal, no antigo convento de San Domingos, o Concello de Tui busca incrementar o valor do noso patrimonio cultural, ofrecendo novos servizos e equipamentos.