Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Mañá venres pecha o prazo de inscrición para o desfile-concurso de Entroido que se celebrará o martes 5 de febreiro

24/01/2008

O venres pecha o prazo de inscrición par ao Desfile-Concurso de Entroido que se celebrará o 5 de febreiro 

 Até este venres está aberto o prazo de inscrición para participar no Desfile-Concurso de Entroido que organiza a Concellería de Cultura do Concello de Tui. As inscricións pódense realizar no Departamento de Cultura ou no Rexistro de Entrada do Concello de Tui no impreso normalizado para tal fin, ate este venres en horario de 9 a 14h.  Establécese a participación dun máximo de vinte comparsas, por orde de inscrición, coa salvidade de que nunca unha comparsa de Tui quedaría fóra do desfile. Neste concurso poderán participar comparsas integradas por un mínimo de vintecinco persoas disfrazadas, que poderán ir acompañadas de carroza, cun máximo de catro metros de altura, e de acompañamento musical, xulgándose nesta categoría que a música sexa en directo realizada con instrumentos musicais. 

O Desfile-Concurso de Entroido celebrarase o martes de Entroido, 5 de febreiro, Festivo Local en Tui, dende ás 18 horas, nun circuíto establecido polas rúas Casal Aboy, Compostela, Betanzos, Irmáns Maristas, Ourense e A Guarda. O xurado, integrado por un delegado das asociacións culturais de cada parroquia e do casco urbano de Tui, así coma por membros do Departamento de Cultura,  será o responsable de outorga-los premios establecidos, tendo en conta coma méritos a calidade, orixinalidade, a dificultade de realización, e a acollida por parte do público. O xurado poderá amais declarar deserto un ou varios premios, así coma diminuír a contía dos accésits outorgados por participación.