Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Mañá venres o Teatro Municipal presenta "Aurora Rodríguez e a súa filla Hildegart" de Marga do Val

30/10/2008

A historia de “Aurora Rodríguez e a súa filla Hildegart” en Tui

Encena Producións presenta esta obra ás 21.30h no Teatro Municipal

Mércores, 29 de outubro de 2008.  “Aurora Rodríguez e a súa filla Hildegart” é o título da obra que Encena Producións Artísticas representa este venres, ás 21.30h, no Teatro Municipal de Tui.

Nesta obra a autora (Marga do Val) entra na traxedia de dúas mulleres, Aurora Rodríguez Carballeira (Roberto Cordovani) e a súa filla Hildegart (Eisenhower Moreno), na súa propia casa, para escoitar as súas palabras. Aurora Rodríguez é unha muller nacida en Ferrol (Galicia) en 1879 e falecida no psiquiátrico de Ciempozuelos, en Madrid en 1955, unha muller que desexou ser nai e non dubidou en seleccionar ao home que lle permitiría ter nas súas mans unha boneca de carne, que ela ía modelar desde o momento da fecundación, para crear á muller perfecta que salvaría á humanidade, a súa filla, Hildegart. Hildegart Rodríguez Carballeira nace en Madrid en 1914.

 

Nena prodixio, moza revolucionaria e feminista, escritora e ensaísta consagrada con 18 anos de idade. Pertence á Liga da Reforma Sexual e milita nas Xuventudes Socialistas, organización que abandona, despois de realizar unha dura crítica e ofrecer unha nova lectura da obra de Marx, para achegarse ao anarquismo. Un día a nai descobre que a súa obra, a estatua humana, non é perfecta e desexa ter vida propia, como a escultora insatisfeita, debe destruíla. Aurora Rodríguez mata a súa filla, o 9 de xuño de 1933. Esta traxedia percorre o mundo como Aurora desexaba: que se conte a miña historia en todas as linguas. A historia contouse.

 

A autora permanece atrapada entre as vidas e as obras de Aurora e a súa filla Hildegart, sen saber diferenciar entre unha e outra, ofrecendo moitas preguntas sobre a creación. No psiquiátrico as voces de Aurora, de Heloísa (Eisenhower Moreno) e dunha monxa (Marga do Val) que se move entre elas, ofrecen ao público, o baleiro da maternidade e as súas contradicións. Na atmosfera preséntese o cheiro a pólvora dos catro disparos que mataron a Hildegart, a inquedanza da arma e a morte simbólica da nai. Marga do Val escribiu Aurora Rodríguez e a súa moneca de carne para a Compañía Arte Livre que foi estreada no Teatro Principal de Santiago de Compostela o 9 de decembro de 2002 e representada, con moito éxito de público e moi ben acollida pola crítica,

en diferentes puntos de Galicia, en Valencia e en Portugal. En Aurora Rodríguez e a súa filla Hildegart, a autora reescribe a súa propia obra, centrándose, esta vez, na maternidade e na creación literaria.

 

 

Sobre o escenario está a propia autora, Marga do Val, xunto a Roberto Cordovani, que exerce tamén de director, e Eisenhower Moreno.

A función comeza ás 21.30h e as entradas poranse á venda ás 20h ao prezo de 4,5€, 3,5€ con desconto e 2,5€ para os menores de 14 anos.

Encena Producións Artísticas con “Aurora Rodríguez e a súa filla Hildegart”

Data: Venres  24 de outubro ás 20h

Lugar: Teatro Municipal de Tui, rúa Colón nº2 de Tui

Venda de Entradas: o venres dende ás 18.30h

   no despacho de billetes de Área Panorámica

Prezos: 4,5€ - 3,5€ con desconto – 2,5€ menores de 14 anos