Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Mañá venres inaugúrase a exposición "O mundo das árbores"

8/01/2009

MAÑA INAUGURACIÓN DA EXPOSICIÓN "O MUNDO DAS ÁRBORES"

 

A Sala Municipal de Exposicións do Concello de Tui comeza este novo ano coa inauguración da exposición didáctica medioambiental "O mundo das árbores", organizada pola Obra Social de Caixa Galicia; esta mostra pretende achegar á sociedade os aspectos mais interesantes e curiosos deste mundo natural.

Cunha mensaxe clara e concisa, esta exposición explica as características das diferentes especies arborícolas que podemos atopar na Península Ibérica, para que a través do seu coñecemento a sociedade aprenda a preservalas.

A exposición está formada por 36 fotografías de grande formato amáis de mostras de cortes de madeira, nas que poderemos apreciar os aneis de crecemento e detalles da corteza, ou un semilleiro. Cada fotografia dunha especie arbórea está acompañada dunha descrición dos aspectos máis importantes de cara árbore e alguns dos datos máis singulares coma as súas dimensións, enfermidades, plagas, crecemento e usos tradicionais.

O acto de inauguración tera lugar ás 11,30 horas da mañá na propia Sala Municipal de Exposicións, sita no edificio "Área Panorámica" na rúa Colón, nº 2.

Ao longo da estadia desta exposición en Tui, do 9 ao 28 de xaneiro, hai unha oferta de visitas guiadas para escolares na que participarán alumnos dos diversos centros educativos do concello tudense, cunha previsión de máis de cincocentos rapaces.

Para o concelleiro de cultura tudense, Moisés Rodríguez Pérez, a presenza desta exposición patentiza o interese do concello de Tui por ofrecer nesta Sala de Exposicións unha oferta diversificada de actividades, ao tempo agradece á Obra Social de Caixa Galicia o seu interese por presentar esta exposición na nosa cidade e aos diversos centros escolares que participaran nas actividades didácticas a súa participación.