Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Mañá mércores inauguración da exposición do escultor tudense Cristino Mallo na que se exhiben máis de 80 pezas deste excepcional artista

22/07/2008

MAÑÁ MERCORES INAUGÚARSE A EXPOSICIÓN DO ESCULTOR TUDENSE CRISTINO MALLO QUE EXHIBE MÁIS DE 80 PEZAS

Con esta excepcional exposición Tui rescata a figura dun dos principais escultores contemporáneos

Divulgar e profundizar no estudo dunha das máis grandes figuras da arte española do século XX é o principal obxectivo da exposición que sobre o escultor tudense Cristino Mallo organiza Caixanova e que se inaugura mañá mércores 23 de xullo ás 20,30 horas na Sala Municipal de Exposicións (Edificio Área Panorámica) de Tui e que chega ata a nosa cidade ao abeiro da colaboración establecida entre Caixanova e o Concello de Tui.

A exposición estará aberta ao público ata o 31 de agosto, e comprende máis de 80 pezas entre bronces, xesos orixinais, debuxos e “gauches” o que nos permite un percorrido pola delicadeza e ternura das súa temáticas habituais e a rotundidade formal, case monumentalidade en miniatura, da súa técnica escultórica. O prantexamento didáctico desta mostra estará reforzado, nos seus diversos ambientes, por paneis informativos, xa biográficos coma de observacións sobre o método que emprega nas súas obras.

Cristino Mallo naceu en Tui no ano 1905, pero axiña traladouse coa sua familia á cidade asturiana de Avilés onde comezou a súa formación como artista asistindo á Escola de Belas Artes e Oficios. Anos máis tarde trasládase a Madrid, onde acude á Escola de Belas Artes de San Fernando e a Escola de Artes e Oficios ata rematar os seus estudos en 1927. Madrid será a cidade onde desenvolveu a súa actividade artística.

O seu primeiro encargo foi unha lápida conmemorativa para Manuel Ventura Figueroa, fundador do Hospital Real de Santiago de Compostela. Dende ese momento e ata a súa morte, en 1989, recibiu numerosísimos recoñecementos, como o Premio Nacional de Escultura en 1993 pola súa magnífica obra en mármore Branco “Desnudo en pez”. Na nacional de Belas Artes de 1952 gaña a terceira medalla en debuxo e no ano seguinte, a primeira en escultura. Foi electo membro de número da Real Academia de San Fernando, ainda que rexeitou o cargo, e obtivo a Medalla de Ouro de Belas Artes en 1983.

Nesta exposición de Tui se recollen algunhas das obras que deste autor posue Caixanova e xunto a éstas, as demáis pezas mostradas forman parte da colección da Fundación Capa, vencellada á obra de Cristino Mallo por unha amistade plagada de múltiples colaboracións.

Esta homenaxe ao escultor tudense, coordinada polo tamén escultor Cándido Pazos, parte dun extracto de pezas e materiais recuperados pola familia do artista no seu estudo de Madrid. Nelas recréase a sinxeleza e cercanía do labor diario do mestre no seu taller, misturando ao visitante na intimidade maior dun creador: os bocetos, debuxos, ceras, xesos, modelados polas máns do artista e incluso algunhas das súas ferramentas, compoñen así unha escena de grande interese didáctico.

O resto da exposición posúe unha estructura temática, xa que os motivos das súas esculturas foron os mesmos durante toda a súa traxectoria, dándolle á súa obra un aire de intemporalidade e permanencia. Deste xeito, poderemos diferenciar cinco grupos dentro das obras expostas: unha serie de cabezas de nenos e mulleres, un grupo de pezas dedicadas aos deportes e á natureza, outro de escenas a cabalo, un conxunto centrado nas personaxes populares do Madrid da posguerra e, para rematar, unha representación de torsos e desnudos femeninos no que apreciase unha evolución sutil das formas e dos trazos.

Para o concelleiro de cultura do Concello de Tui, Moisés Rodríguez Pérez, a celebración desta exposición posibilita que o nome de Cristino Mallo e a súa obra poida ser coñecida polos veciños de Tui, recuperando do esquecemento a este tudense que é un dos principias fitos da escultura contemporánea española. Logo de pouco máis dun século Cristino Mallo volta á súa cidade natal para que os tudense poidan achegarse a súa excepcional trayectoria artística.

Moisés Rodríguez agradece de xeito especial a Caixanova por ter acordado á presenza desta mostra na nosa cidade, pechando unha itinerancia ao longo de toda Galicia, pois amosa unha especial sensibilidade cara á nosa cidade e as súa xentes.

Estamos pois, en palabras do concelleiro tudense, diante dunha das principais citas culturais do ano 2008 na cidade de Tui.

Horario: de lúns a venres de 9:30 a 13:30 e de 17:30 a 20:30 horas.