Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Mañá inaugura a exposición "Aquí estamos nós", coa obra colectiva de catro estudantes de Belas Artes

11/01/2010

TUI PRESENTA A EXPOSICIÓN "AQUÍ ESTAMOS NÓS", OBRA COLECTIVA DE CATRO ESTUDANTES DE BELAS ARTES

 

Na mostra mistúrase a producción pictórica, videográfica e fotográfica así como os distintos xeitos de velo mundo dos catro autores

 

Tui. Luns, 11 de xaneiro de 2010.

Catro alumnos de cuarto grao da Facultade de Belas Artes de Pontevedra presentan a mostra "Aquí Estamos Nós. Froito de catro anos de traballo e investigación persoal nace esta exposición que agora se presenta ao publico. David Catá (Viveiro, 1988), Inés Piñeiro (Arzúa, 1988), Ángela Mª Ramos (Tui, 1988) e Verónica Vicente (Tomiño, 1988) únense, por primeira vez, para organizar unha exposición conxunta empregando os coñecementos recén adquiridos na súa formación artística. Deciden comezar por unha das salas de exposición máis cercanas xeográficamente e por iso a mostra se presenta na nosa cidade. A exposición pode visitarse na Sala Municipal de Exposicións do Concello de Tui (Edifciio Área Panorâmica), dende o 12 ao 29 de xaneiro. O horario de apertura é de 09:00 a 14:00 e de 16:30 a 20:30 e os sábados en horario de mañá de 09:00 a 13.00 horas.

 

A exposición será inaugurada mañá martes 12 de xaneiro ás 20,30 horas do serán.

 

Redescubrir o cotiá

 

A montaxe da exposición está formada por obras pictóricas, videográficas e, sobre todo, fotográficas que permiten coñecer a personalidade de cada artista. Trátase, entón, dunha mostra heteroxénea que pon de manifesto as distintas maneiras de entender o mundo máis próximo. A temática xira en torno ao cotiá, ao que todo o mundo da por coñecido e non lle presta a máis mínima atención xa que se mostra sempre do mesmo xeito. Por iso, os autores reclaman un espectador activo e curioso disposto a poñer en dúbida o que se coñece. A inquietude e a preocupación son as características que mellor poden definir a estes catro artistas. Para eles todo está suxeito a ser cuestionado ou investigado.

 

Os autores manifestan que: "Os catro compartimos os mesmos soños e desexos de cara ó futuro e queremos comezar canto antes a trazar ese camiño que levamos tantos anos imaxinando. Cada un de nós aporta unha visión e traxectoria persoal diferente que aporta riqueza e contido á conversación que pretendemos manter co espectador".

 

Para o concelleiro de cultura do Concello de Tui, Moisés Rodríguez Pérez, esta exposición evidencia o compromiso que dende esta concellería mantense coa promoción de novos valores no âmbito artístico, apoiando as iniciativas destes novos artistas locais, como é agora o caso de Ângela Mª Ramos e os seus compañeiros.