Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Mañá celébrase en Tui a primeira proba do V Campionato Galego Inclusivo de Slalom de Motonáutica en Tui

24/07/2020

O Concello de Tui volve ser sede dunha das probas do Campionato Galego Inclusivo de Slalom de Motonáutica. Está organizado pola Federación Galega de Motonáutica, coa colaboración do Concello de Tui, da Comandancia Naval do Miño e por Protección Civil de Tui. 

Comezará ás 11 h en augas do río Miño fronte ás instalacións de piragüismo e remo na rúa Olímpicos Tudenses.  No mesmo participarán deportistas con e sen discapacidade. Participa unha embarcación de cada vez, e todos os equipos estarán compostos por dous tripulantes. A persoa que manexe a embarcación deberá ter a titulación necesaria.

Trátase dunha competición de regularidade, na que cada equipo, cunha embarcación adaptada para persoas con discapacidades de distintos grados, deberá realizar un percorrido no río Miño, estilo slalom, sobre unha superficie dun cuarto de milla, con diferentes probas: recollida de pelota ou balón, fondeo da embarcación, marcha atrás, zona de aro, amarre e, por último, proba de lance.

Este campionato estará formado por 6 probas que amais de en Tui se celebrarán en Portosín, Boiro, Tomiño, A Guarda, e na ría de Vigo.