Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Mañá ás 20.30h inaugúrase a exposición “Azulejo português. Diálogos contemporâneos” na Sala Municipal

6/07/2018

Forma parte dos actos previstos para conmemorar o Pacto de Tui. Poderá visitarse até o 31 de xullo.

Mañá sábado, 7 de xullo, ás 20.30h será inaugurada na Sala de Exposicións Municipal, na Área Panorámica, a exposición “Azulejo português. Diálogos contemporâneos”, froito da colaboración entre o Camões. Instituto da Cooperação e a Língua con sede en Vigo e a Concellería de Cultura.

Esta mostra enmárcase nas actividades organizadas para conmemorar o aniversario do Pacto de Tui. Poderá visitarse na Sala Municipal de exposicións até o día 31 de xullo en horario de  luns a venres de 9.25 h a 13.20 h e de 15.25 h a 20.10 h e os sábados de 9.25h a 13.20 h.

A mostra “Azulejo português. Diálogos contemporâneos” reflicte o diálogo entre a secular tradición azulexística e a contemporaneidade a través de 21 paneis divulgativos con diverso material fotográfico e textos. O azulexo radica en tradicións que co paso do tempo foron actualizándose nas técnicas, cores, formas, temática ou utilización, de xeito que hoxe se asume como un dos principais sinais de identidade da cultura portuguesa. O diálogo coa modernidade constitúe o seu modo particular de pensar a contemporaneidade e abrir unha reflexión cara o gran público. Deste xeito nace esta exposición, plantexada entre o Instituto Camões e Museu Nacional do Azulejo de Lisboa co fin de divulgar o azulexo como elemento diferenciador da cultura nacional portuguesa no contexto universal da creación artística.

O azulexo, soporte vítreo de gran efecto decorativo e lumínico, reflicte o encontro de culturas e civilizacións que superan o espazo xeográfico de Portugal e mesmo de Europa, incorporando así as novidades traídas desde o Oriente e do Brasil. No contexto da arte contemporánea, o azulexo reinterpreta cinco séculos de historia a través de técnicas ancestrais así como da innovación e actualización das linguaxes en paneis de autor, cunha renovación do concepto de artista que abre camiños cada vez máis ricos e diversificados. Por medio desta viaxe a través do azulexo contemporáneo, evocamos as súas orixes islámicas, presentes na súa denominación; técnicas e decoración, as influencias italo-flamengas, españolas, orientais e holandesas. Ao mesmo tempo, valórase a produción de centros industriais portugueses, a produción artística de autor, as fontes iconográficas, as diferentes aplicacións e linguaxes que este revestimento asumiu en Portugal e que nos permite comprender de que xeito esta arte ten capacidade de renovación, marcando non só a entidade urbana de vilas e cidades senón incluso a propia paisaxe portuguesa.