Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Máis de 450 deportistas daranse cita mañá na Carreira Popular Solidaria de San Telmo

26/04/2019

Celébrase unha andaina, a Copa San Telmo da Eurocidade e as Finais Autonómicas de Bádminton

Mañá sábado, 27 de abril, o deporte será un dos protagonistas no programa previsto dentro das Festas de San Telmo.

A primeira cita será ás 10 h coa Andaina Festas de San Telmo que sairá do palco de Música do Paseo da Corredoira. Forma parte do circuíto de Andainas Saudables da Eurocidade. Realizará un percorrido de 10 quilómetros dende o centro urbano achegándose até as parroquias de Paramos e Guillarei guiada polo club Andatui. O prazo de inscrición pechou este mediodía.

Máis de 450 persoas participarán mañá na tradicional Carreira Popular Solidaria de San Telmo organizada polo Club Atletismo Tui Termalia. A saída e a meta estará situada no céntrico Paseo da Corredoira. Ás 11h competirán as categorías junior, xuvenil, veteranos e senior na proba absoluta cun percorrido de 5 quilómetros. A partir das 11.45 terán lugar as carreiras das categorías inferiores até os pitufos. Na recollida do dorsal os participantes entregarán un quilo de alimentos que se doarán a Sos Tomiño Baixo Miño.

Ás 12.00h celébrase a Copa San Telmo Eurocidade no campo municipal Álvarez Durán no que se van enfrontar o Tyde FC contra o SC Valenciano.

O longo de todo o día o Pavillón do IES San Paio vai acoller competicións de bádminton co organización do club Bádminton Tui. De 10h a 14h haberá unha concentración galega de sub15 e sub17. Xa pola tarde, ás 16h  celebraranse as Finais Autonómicas do Programa Bádminton+, da Federación Española de Bádminton.