Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Leilía celebra o venres ás 21,30 h. os seus 15 anos co espectáculo "Son de Leilía" que mistura música e teatro

9/11/2006

O espectáculo dará comezo este venres, 10 de novembro, ás 21.30h
Leilía celebra en Tui os seus 15 anos no mundo da música
“Son de Leilía” é unha proposta novidosa na que mesturan música e teatro

O Teatro Municipal de Tui acolle este venres, ás 21.30h, o espectáculo “Son de Leilía” no que de forma novidosa se mestura música e teatro. Esta innovadora proposta foi creada polas Leilía coa colaboración de Ana Vallés para celebrar os seus 15 anos coma agrupación.

En “Son de Leilía” amósanse os vínculos e os motores que moven a este grupo de cantareiras formado por Felisa Segade Otero, Patricia Segade Otero, Ana Rodríguez Gómez, Mercedes Rodríguez Vázquez e Montse Rivera Crespo. Ao longo da súa traxectoria,son moitas as anécdotas e historias que teñen vivido, moitos os acontecementos que lles teñen influído e impreso o carácter diferenciador que as caracteriza. Son vivencias, que afectaron ao grupo, pero tamén a todas e cada unha delas, que neste quince aniversario decidiron compartir co público, buscando unha maior complicidade e amosando ao tempo a cara máis íntima das Leilía.

Desta volta música, teatro e humor van da man, presentando ao público a cada unha das cinco compoñentes de xeito individual, pero cun nexo común que as identifica e caracteriza.

O espectáculo “Son de Leilía” insírese na programación cultural que organiza a Concellería de Cultura de Tui. Dará comezo o venres ás 21.30h, e as entradas poranse á venda o mesmo vernes ás 16.30 na billeteira da Área Panorámica ao prezo de 4€, 3€ con desconto e 2€ os menores de 14 anos.

“Son de Leilía”
Lugar: Teatro Municipal
Data: Venres 10 de novembro ás 21.30h
Venda de Localidades o venres a partir das 16.30h
Prezo das entradas: 4€, 3€ con desconto, 2€ menores de 14 anos
Organiza: Concellería de Cultura do Concello de Tui