Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Hoxe venres o Telecentro de Tui acolle a presentación dun titorial sobre a TDT

20/11/2009

O TELECENTRO DE TUI PRESENTA ESTE VENRES UN TITORIAL INFORMATIVO SOBRE A TDT

 

Trátase de dar respostas ás preguntas máis extendidas dos ususarios sobre unha tecnoloxía que acaba de chegar ás nosas casas, a Televisión Dixital Terrestre

 

Xoves, 19 de novembro de 2009. O Titorial pretende dar a coñecer aos usuarios que é a Televisión Dixital terrestre (TDT), como se realizou o cambio de televisión analóxica a dixital, e en definitiva, servir de guía para que os cidadáns coñezan que pasos deben seguir e como atopar información sobre este tema. A iniciativa desenvólvese dentro o proxecto multimedia de formación da campaña "Comunícate" que a Secretaría Xeral de Medios desenvolve para dar a coñecer a Rede de Telecentros de Comunicación de Galicia (RTC). 

 

"A TDT" é o quinto dunha serie de doce titoriais interactivos  nos que o Concello de Tui leva participado activamente. A presentación deste titorial terá lugar mañá venres 20 de novembro ás 12:00 horas no Telecentro de Tui (Edificio Área Panorámica, 1º andar). O acceso é libre.

 

Os titoriais foron creados dentro do programa Comunícate, co obxectivo de facilitar aos usuarios dos telecentros de comunicación (colectivos, asociacións, etc...) determinadas funcionalidades e potencialidades que se poden realizar dende os mesmos.  A xornada poderase seguir a través de videoconferencia nos Telecentros de Comunicación de varios puntos de Galicia, Tui entre eles, onde os interesados  poderán traballar co titorial, que  queda así accesible, a partir do venres, nos distintos Telecentros da Rede de Telecentros de Comunicación para o seu uso. 

 
Participantes

 

Os participantes no titorial serán Alfonso Cabaleiro Durán, secretario xeral de Medios, Xosé  Manuel García, Comunicador, e José  Pereira Fariña, decano da Facultade de Ciencias da Comunicación da USC. José  Pereira Fariña é profesor titular do Departamento de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela e membro do grupo de investigación Novos Medios da USC, acaba de ser nomeado decano da Facultade de Ciencias da Comunicación da universidade compostelá. Entre as súas publicacións, figuran varios artigos en revistas internacionais e participou na redacción de varios libros sobre o ciberxornalismo, como o Manual de Redacción Ciberperiodística (Ariel, 2004) e Sistemas dixitales de información (Pearson, 2006). Na actualidade, traballa en varios proxectos de investigación vinculados á análise de contidos e á converxencia dixital entre os diferentes soportes de comunicación.