Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Hoxe comezou a entrega dos carnés aos vendedoras ambulantes do mercado semanal

20/12/2018

Un total de 157 vendedores teñen toda a documentación ao día para exercer a actividade os xoves

O concello de Tui comezou hoxe a entrega dos carnés aos vendedores ambulantes que acoden semanalmente ao mercado que se celebra os xoves na cidade. Este é un novo paso dado no traballo de regularización do mercado dos xoves que se está dando dende o Concello.

O novo carné, correspondente ao ano 2018, no que figura o nome, DNI, situación do posto, sector…entre outros datos, garante que o vendedor está ao día nas súas obrigas tributarias co concello no pago das taxas correspondentes.  Precisamente a posta ao día do cobro destas taxas iniciada a comezos de ano supuxo unha recadación de case 14 mil euros ata o mes de maio. A comezos de ano terán que satisfacer as cotas do novo trimestre polo que se lles renovará o carné xa con data de 2019.

A entrega de carnés, un total de 157, segundo explicaba a concelleira do Mercado Mila González, completarase o próximo xoves. Dende entón todos os vendedores deberán ter nun lugar visible do posto este documento, un feito que facilitará ao tempo aos axentes da Policía Local o control do mercado. Todo aquel que non posúa ao carné significará que non está ao día no pago da taxas ou documentación requirida, polo que non poderá exercer a venda ambulante en Tui ata regularizar a súa situación.

Mila González explica amais coma este proceso de regularización dos postos do mercado foi un proceso longo e minucioso, que garante así que todos os vendedores exercen a súa actividade nas mesmas condicións, e non se rexistran casos de competencia desleal. Por outra parte informa tamén que dende o Concello se continua a traballar no cambio de emprazamento do Mercado Semanal dos xoves, sobre a proposta de trasladalo cara a prolongación da rúa Casal Aboy, evitando así o peche de varias rúas do centro urbano.

A edil agradece tamén a colaboración da Concellería de Seguridade na posta a dispor dos axentes da Policía Local para levar a cabo este labor de control, de suma importancia.

O alcalde, Carlos Vázquez Padín, considera que o traballo co mercado do xoves que se ten levado a cabo por parte da concelleira Mila González é un exemplo de excelencia na xestión, hoxe o mercado está organizado, están todos os que son, son todos os que están e todos deben estar ao día nos pagamentos.