Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Exposición fotográfica sobre o pobo Gumuz (Etiopia occidendental) no Anexo da Sala Municipal de Exposicións

12/11/2009

A EXPOSICIÓN "ONDE AS RÚAS NON TEÑEN NOME" ACHÉGANOS AO POBO GUMUZ, ETIOPÍA, PARA ENTENDER O PASADO A TRAVÉS DOS RESTOS ARQUEOLÓXICOS

 

 A mostra componse de 46 fotografías e nace do traballo etnoarqueolóxico da misión española no Nilo Azul, comandada dende o CSIC, co obxectivo de interpretar mellor ás sociedades coñecidas únicamente a través do rexistro arqueolóxico.

 

Xoves, 12 de novembro de 2009. A Sala de Exposicións Municipal de Tui acolle estes días (ata o día 11 deste mes de decembro) a exposición "Onde as rúas non teñen nome: unha mirada etnoarqueolóxica ao pobo Gumuz (Etiopía Occidental)". A entrada é de balde e os interesados poden contemplar a exposición en horario de apertura da Sala Municipal de Exposicións, de 09:00 a 14:00 horas pola mañá, de 16:30 a 20:30 horas pola tarde e os sábados permanecerá aberta de 09:00 a 13:00 horas. A mostra, programada pola Concellería de Cultura do Concello de Tui, está ubicada na sala anexa á Sala de Exposicións (rúa Colón nº2).

 

Os Gumuz son unha sociedade premoderna que mantén unha tecnoloxía e unha forma de estar no mundo que nos poden servir de modelo para tentar entender outras sociedades do pasado. As imaxes descúbrennos unha sociedade que habita cabanas circulares, fabrica úteís como machadas, moe o cereal nos muíños barquiformes e cociña nos cacharros de barro co lume dos fogares. Móstrase así a importancia da cultura material como ferramenta para a construción da realidade social e da identidade nunha comunidade premoderna e ágrafa.

 

O traballo de campo consistiu na realización de prospeccións e escavacións arqueolóxicas, así como no estudio etnoarqueolóxico, é dicir, o da cultura material das comunidades tradicionais vivas co fin de interpretar mellor ás sociedades coñecidas unicamente a través do rexistro arqueolóxico. Con motivo da presenza desta mostra en Tui haberá, durante o período de permanencia da exposición, unha mesa redonda na que os participantes neste proxecto explicarán como se levou a cabo e os resultados máis destacados.

 

A mostra componse de 46 fotografías e nace tralo traballo etnoarqueolóxico levado a cabo no seo da misión española no Nilo Azul, comandada dende o Centro Superior de Investigacións Científicas (CSIC). A campaña desenvolveuse na rexión de Metekel, ó norte do Nilo Azul, entre os meses de febreiro e marzo de 2006. Os autores da mostra son Xurxo M. Ayán Vila do Laboratorio de Patrimonio do Consello Superior do CSIC - Centro Superior de Investigacións Científicas (LaPa-CISC) e Alfredo González Ruibal (Universidade Complutense de Madrid) e ten por comisaria a Sonia García Rodríguez (LaPa - CISC).

 

O  obxectivo do estudio era o de observar como cambia a cultura material e o espazo doméstico en comunidades Gumuz que viven en distinto grao de contacto con outros grupos e analizar as relacións interétnicas entre este pobo coas comunidades das Terras Altas de Etiopía. Este proxecto foi encamiñado ó rexistro sistemático das manifestacións materiais  da cultura tradicional Gumuz, un pobo prenilótico, marxinal e marxinado historicamente polos estados de Sudán e Etiopía, marcado polo trauma da escravización até a época recente (mediados do século XX).