Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

A exposición “Benjamín de Tudela, un viajero en el tiempo” pode visitarse en Tui até o 12 deste mes

2/12/2020

Trátase dunha mostra itinerante da Red de Juderías de España

A exposición de fotografías “Benjamín de Tudela. Un viajero en el tiempo” chega a Tui ata o vindeiro 12 de decembro, dentro da súa itinerancia polas cidades que integran a Red de Juderías de España. A mostra está conformada por 54 fotografías de Jesús Álvarez tomadas nunha viaxe que emulou o que describe nos seus escritos o propio Benjamín de Tudela e que o levaron a coñecer numerosas comunidades sefardís por todo o Mediterráneo e por Europa.

Para o concelleiro de Patrimonio, Turismo e Camiño de Santiago do Concello de Tui, Laureano Alonso, esta exposición permite achegarnos a un percorrido pola “ruta do viaxeiro máis internacional da Idade Media: de Tudela a Xerusalén pasando por Roma, Alexandría, Constantinopla ou Francia”. A exposición recolle o estado actual das xuderías e dos países que Benjamín de Tudela visitou entre 1163 e 1174, impresións recollidas posteriormente no seu Libro de Viaxes publicado en Constantinopla en 1543.

Laureano Alonso sinala como esta exposición é unha das actividades programadas pola Red de Juderías entre os seus socios para a promoción e difusión do legado da cultura xudía, que ten en Tui un dos lugares sobranceiros no Noroeste peninsular.

A exposición pode visitarse de luns a venres de 9 a 14 h e de 15.30 a 21.30 h e os sábados de 9 a 14 h.

Información complementaria

Benjamín de Tudela viviu na segunda metade do s. XII e foi o viaxeiro xudeu medieval máis importante. A única fonte de que dispomos é a súa obra Libro de Viaxes. Aínda que escritores non xudeus titúlanlle frecuentemente como rabí, non existen probas de que o fose, se se exceptúa a abreviatura convencional fixada ao seu nome nas fontes hebreas. Fillo do rabí Jonás e home preparado, pois tiña formación en historia, ademais de ser coñecedor do hebreo, arameo, grego, latín e árabe.

Podería fixarse o inicio das súas viaxes entre 1159 e 1167 (reinando en Navarra Sancho VI o Sabio) e o seu regreso en 1172-1173 (ano 4933 do calendario xudeu). Segundo isto, as súas viaxes tiveron unha duración mínima de cinco anos e unha máxima de catorce. Esta última hipótese parece a máis probable, dado que a súa última etapa -desde que abandona Exipto e chega a España- durou polo menos un ano.

Tampouco se coñece a finalidade destas viaxes, aínda que parece que Benjamín de Tudela puidese ser comerciante en pedras preciosas xa que consta que en máis dunha ocasión mostrou vivo interese polo comercio da coral. Na súa viaxe tomou contacto coas comunidades xudías que se ía atopando.

En total, visitou 190 cidades de Europa e Oriente, converténdose nunha das primeiras fontes da demografía xudía. O seu interese de centrou nos xudeus e a súa situación, describindo personalidades, centros de estudos, poboación, formas de vida, dificultades e éxitos. Tamén fala dos grandes acontecementos políticos e históricos da súa época.

O seu Libro de Viaxes (Sefer Maasaot), publicado en hebreo en Constantinopla en 1543, baséase nas notas e impresións recollidas durante o seu longo periplo. Desde Tudela descende polo val do Ebro: Zaragoza, Tortosa, Tarragona, Barcelona e penetra en Provenza a través de Girona. Embárcase en Marsella e viaxa a Xénova, Pisa, Lucca e Roma, cidade na que debeu deterse durante un tempo, a xulgar polo minucioso relato que ofrece dos seus monumentos.

Deixa Roma e encamíñase cara ao sur, onde chega a Salerno. Embarca novamente en Otranto, pasa pola illa grega Corfú, no mar Xónico e Arta. Atravesa Grecia e detense en Constantinopla, da que ofrece unha viva descrición, de gran importancia para o coñecemento das condicións e situación socioeconómica dos seus habitantes naquel momento.

Cruza o mar Exeo (illas Mytilene, Chíos, Samos, Rodas) até Chipre. Xa en terra firme, pasa por Antioquía, Sidón e Tiro, entrando en Israel por Acre, naqueles momentos en mans dos Cruzados. Percorre o país e describe detalladamente os Santos Lugares deixando un documento de especial interese para o coñecemento de Palestina daquela época.

De camiño cara ao Norte, pasa por Tiberíades, Damasco, Alepo e Mosul, cun itinerario difícil de precisar. Chega a Bagdad, cidade que describe con maior extensión que calquera outra. É probable que viaxase ao longo e ancho de Mesopotamia e Persia, aínda que nestes relatos abundan os materiais lendarios. É improbable que se aventurase a traspasar estes ámbitos xeográficos, aínda que se esforzou por reunir noticias sobre as comunidades xudías de lugares aos que non viaxou, como Arabia, Persia, Asia central, India ou Ceilán, e mesmo menciona a existencia da xudaría de Kai Fong en China.

Xa de volta, fai unha admirable descrición de Exipto e en especial, da vida dos xudeus no Cairo e Alexandría, cidade na que embarca para chegar a Sicilia. Dános unha descrición coidadosa e pintoresca de Palermo. De alí, probablemente, regresa a España por mar, aínda que o itinerario finaliza cunha idealizada visión da vida xudía de Alemaña e do norte de Francia, baseada talvez en relatos que chegaron aos seus oídos.

Datos extraídos de:

  • Libro de viaxes de Benjamín de Tudela. Riopiedras Edicións, 1982.
  • Versión castelá, introdución e notas de José Ramón Magdalena Nom de Déu