Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

A experta Mónica Novás Dios impartirá este venres en Tui unha charla sobre “Como evitar as relacións tóxicas”

17/02/2020

A participación é gratuíta pero é precisa inscrición previa en igualdade@tui.gal  ou no 682 66 05 80.

A psicóloga xurídica, sexóloga e criminóloga especializada en igualdade de xénero Mónica Novas Dios impartirá este venres, 21 de febreiro, ás 19.30 h na Sala Xacobeo do Edificio Francisco Sánchez – Área Panorámica unha charla titulada “Como evitar as relacións tóxicas”.  Este evento está organizado pola Concellería de Igualdade que dirixe a concelleira Ana Maria Núñez.

Entre as cuestións que se abordarán na charla están as definicións de relación tóxica e relación sa, as claves para identificar unha relación tóxica (con exemplos destes tipo de vínculos perniciosos) e as causas que nos levan a establecelas e a mantelas.

 “A través desta actividade tamén se aportarán ferramentas para poñer fin a unha relación tóxica e os propios participantes plantexaranse a pregunta de se eles mesmos son ou se comportan como persoas tóxicas”, explica Ana María Núñez.

Mónica Novas Dios conta con 15 anos de contrastada experiencia en Psicoloxía Clínica e formación contra a violencia de xénero, colaborando en diversas campañas e programas de sensibilización, información e concienciación.

A participación é gratuíta pero é preciso inscrición previa no correo electrónico  igualdade@tui.gal  ou no teléfono e whatsapp 682 66 05 80.