Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Éxito de Play doc, con máis de 7200 asistentes

17/03/2008

Máis de 7.200 persoas asistiron ao cuarto Play-Doc

O festival de documentais de Tui tivo 5.656 espectadores, e os concertos moveron a 1.600 persoas  

Luns, 17 de marzo de 2008.  

O Festival Internacional de Documentais de Tui, Play-Doc, pechou a súa cuarta edición cunha asistencia de 7.256 persoas, sumando os 5.656 espectadores que acudiron ás proxeccións e as 1.600 que estiveron nos concertos. Estas cifras confirman o seu crecemento progresivo desde a primeira edición, e a súa consolidación no panorama audiovisual.
Tui volveu converterse durante cinco días, desde o mércores día 12 ata onte domingo, nun punto de encontro non só do sector, senón tamén do público como demostran as cifras que superan en 600 espectadores as da edición de 2007.

O xurado destacou a calidade das películas seleccionadas, 26 entre as máis de 600 recibidas, sinalando que ofrecen “unha mirada persoal, sensible e comprometida co mundo que habitan e representan”. Play-Doc aposta polo cine do real, sendo un dos poucos festivais en España que se centran nos documentais.

Pero non só de proxeccións vive Play-Doc, xa tamén realiza unha aposta importante pola formación. Marta Andreu, coordinadora do Master en Documental de Creación da Universidade Pompeu Fabra de Barcelona impartiu un foro sobre a distribución do audiovisual, e Lech Kowalksi, realizador estadounidense, mantivo durante algo máis de tres horas a máis dun centenar de persoas atentas ás súas explicacións. A todo iso súmase a aposta polos novos realizadores co Maratón Play-Avid.doc.

Dentro das actividades paralelas cabe sinalar tamén os Concertos Play-Doc, que este ano presentaron en Tui a The Rosemberg Trío e aos Siniestro Total. Este último concerto, xunto á estrea do documental “Que pareza un accidente” que resume os seus 25 anos de historia, levantou gran expectación, vendéndose todas as entradas da proxección, onde os compoñentes de Siniestro e o director Mikel Clemente foron recibidos cun gran aplauso. Os dous concertos moveron a 1.600 persoas.
 

Os directores do Festival explican que asumiron un risco ao proxectar documentais menos convencionais e o público respondeu ben 

Sara García e Ángel Sánchez, directores do Festival, amósanse enormemente satisfeitos desta cuarta edición, onde o público volveunos arroupar contribuíndo ao éxito de Play-Doc. Explican que este ano “asumimos un risco ao programar documentais menos convencionais, e o público respondeu ben”. Este feito, indican os directores de Play-Doc, “fai que nos reafirmemos na idea de que en ningún proxecto hai que subestimar ao público”. Sara García e Ángel Sánchez recoñecen que este ano deron un paso coa proxección de películas menos convencionais e ese, din, “é o camiño que debemos seguir”. Teñen claro que tanto neste como en calquera outro proxecto cultural “hai que ser valentes”.

Rithy Pan gaña o premio ao mellor longametraxe documental con “O papel non pode envolver a brasa”“O Xastre” obtén o premio de curtametraxes e “Pic-nic” o de producións galegas Domingo, 16 de marzo de 2008. Rithy Pan, o director de “O papel non pode envolver a brasa” é o gañador na categoría de longametraxes de Play-Doc 2008. O xurado formado por Jaime Pena, Karolina Bendera, Jaime Nieves, Carlos Jerónimo e Marta Andreu  premiou este documental “por atopar  un lugar común para a mirada crítica e a construción fílmica, ao darnos a ver con solidez e empatía unha historia particular, enmarcada na historia dun pais” e engaden que o traballo de Rithy Pan nos lembra que “ a vida pode chegar a ser un teatro do real, belo e duro ao mesmo tempo”. O premio está dotado con 5 mil euros e o trofeo Play-Doc obra do escultor tudense Juan Vázquez.  Este documental recibe tamén o Premio Especial TVG, entregado polo director da canle autonómica, Jesús Iglesias, consistente na oferta de compra dos dereitos de emisión de “O papel non pode envolver a brasa”. Nesta mesma categoría, longametraxes, o xurado concedeu unha mención especial a “Hotel 9 Estrelas” dirixido por Ido Haar “pola súa capacidade de amosar dende dentro, con vitalidade e sen concesións unha realidade a miúdo instrumentalizada”. En curtametraxes o premio é para “O Xastre” de Oscar Pérez pola súa “contundencia fílmica” ao converter un pequeno taller “nun universo traxicómico, que nos fala das relacións de poder que nos unen e nos alonxan aos uns dos outros, evidenciando valiosamente a mirada que se constrúe entre quen filma e o filmado”. Recibe 2 mil euros e o trofeo Play-Doc.  O xurado quixo amais destacar a calidade das películas seleccionadas, que ofrecen todas elas “una mirada persoal, sensible e comprometida co mundo que habitan e representan”. Unha mirada da que din “é quen de converter a realidade en cine e o cine en formas do real”.  Mentres o premio ao Mellor Documental Galego recae en Eloy Enciso polo seu traballo “Pic-nic” segundo decidiu o xurado galego formado por Pepe Coira, Daniel Domínguez e Eduardo Galán. Destacan “o rigor na construción dun dispositivo cinematográfico que nos permite achegarnos a momentos de vida que, doutro xeito, a cámara non sería quen de atrapar”.  O premio está dotado con 2 mil euros e o trofeo Play-Doc.  As “Trapicheiras” de Diana Gonçalves, de Tui e Miguel Barbosa, de Allariz gaña a Maratón Play-Avid.doc Diana Gonçalves, de Tui e Miguel Barbosa, de Allariz, son os gañadores, con rotundidade, da Maratón Play-Avid.doc, premio outorgado polo público do festival. Contan a historia das “trapicheiras” e o camiño que realizaban cruzando a fronteira. No seu curto documental buscaron “focalizar o papel das mulleres” xa que outros traballos sobre o contrabando céntranse sempre no papel dos homes. Como premio poderán converter o seu proxecto nun documental de longa duración.