Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Este domingo, 30 de xullo, dispútase en Tui o Campionato de Galicia Máster de Ciclismo

26/07/2017

Máis de 160 deportistas participarán nesta proba con saída e chegada no paseo da Corredoira e que percorrerá parte da comarca do Baixo Miño

Este domingo, 30 de xullo, a cidade de Tui acollerá o Campionato de Galicia Máster de Ciclismo, unha importante cita organizada pola Federación Galega de Ciclismo e o Club Ciclista de la Fuente coa colaboración do Concello de Tui. O paseo da Corredoira será o lugar onde dará comezo a proba, con saída ás 10.30h. Despois dun percorrido con paso por zonas de Tomiño e O Rosal prevese que os participantes volvan a Tui para cruzar a meta sobre as 12.45h.

Esta mañá o salón de plenos do Concello de Tui acollía a presentación desta importante cita deportiva. No acto participaron o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, o concelleiro de Deportes, Laureano Alonso, o presidente e secretario do Club Ciclista de la Fuente, e Dean Flecher e Xabier Martínez, respectivamente, e o responsable técnico da Federación Galega de Ciclismo, Guillermo Sande.

Laureano Alonso quixo resaltar a relevancia que ten un evento destas características para Tui, así como a importancia de promover as actividades deportivas entre a sociedade. Dean Flecher, presidente do Club Ciclista de la Fuente, agradeceu a confianza da Federación Galega e a colaboración do Concello de Tui, amais de explicar que o número de participantes rondará os 160. O seu secretario, Xavier Martínez, completou a información explicando a ruta que seguirán os ciclistas de Máster 50 e Master 60, así como o percorrido algo máis longo que deberán facer os competidores de Máster 30 e Máster 40. Pola súa banda, Guillermo Sande, en nome da Federación Galega de Ciclismo, resaltou o bo labor do Club Ciclista de la Fuente e a idoneidade do percorrido deseñado. Enrique Cabaleiro, alcade de Tui, foi o encargado de pechar a presentación agradecendo o traballo das dúas organizacións e desexando un gran éxito de participación.