Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Esta tarde vai a pleno a solicitude de declaración de Zona Gravemente Afectada por unha emerxencia de Protección Civil

31/05/2018

O pleno da corporación municipal de Tui abordará esta tarde a solicitude ao goberno central da declaración da Zona Gravemente Afectada por unha emerxencia de Protección Civil. Así o acordou este mediodía a xunta de portavoces reunida na casa do concello. Tamén será levado a pleno habilitar un millón de euros con cargo ao remanente de tesourería para o Fondo de Emerxencia.  Por outra parte acordaron agardar a un informe dos Servizos Sociais Comunitarios do Concello de Tui sobre o interese das familias que precisan ser realoxadas en trasladarse as vivendas municipais de Caldelas, xa que en caso afirmativo estes inmobles serían rehabilitados por vía de emerxencia.

O pleno desta tarde comezará ás 20h, e tanto a declaración de Zona Gravemente Afectadas por emerxencia de Protección Civil como o Fondo de Emerxencia se tratarán vía moción de urxencia.

Por outra parte os Servizos Sociais continúan a traballar para realoxar as familias cuxas casas quedaron destruídas ou non poden volver ás mesmas polo momento.  Ao longo desta semana serán un total de sete as familias reubicadas, e se continúa co traballo para que a nova vivenda se axuste ás necesidades de cada unidade familiar.

O rexistro de entrada abrirá polas tardes para a presentación das comunicacións previas

Dende o Concello de Tui informase amais aos afectados que o Rexistro do Concello abrirá de luns a venres de 16 a 18.30h para poder rexistrar as comunicacións previas que os afectados deben presentar previa a acometer as obras menores nas súas vivendas. A entrada para acceder ao rexistro farase pola porta da casa do concello situada na rúa Párroco Rodríguez Vázquez.

O Centro de Afectados contabiliza ata hoxe 758 afectados

Segundo os últimos datos do Centro de Afectados hai 364 expedientes de incidencias con 758 afectados. Mantéñense as cifras con respecto ás 290 vivendas, das que 31 quedaron completamente destruídas, e se incrementa a 57 o número de vehículos que sufriron danos.  No reconto de inmobles afectados compre incluír amais ao Centro de Espiritualidade da J.U.M, Juventud Unida en Marcha, que resultou moi afectado no seu interior.

Por outra parte na zona cero continua a realizarse a peritación técnica e económica por técnicos especialistas dos distintos danos e se mantén a restrición de acceso por motivos de seguridade.