Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Esta fin de semana dispútase nas augas do río Miño en Tui o Campionato de España e Trofeo Ibérico T850 e GT60 de motonáutica

6/05/2021

Este luns, nos exteriores do Centro Interfederado de Tui, foron presentadas as competicións de motonáutica que terán lugar dende este venres até o domingo nas augas do río Miño: o Campionato de España e Trofeo Ibérica de T-850 e o Campionato de España de GT-60.

Organizado polas Reais Federacións española e galega de motonáutica, conta co patrocinio do Concello de Tui, a Cámara municipal de Valença, a Eurocidade Tui-Valença, a Secretaria Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia e a Deputación de Pontevedra, así como coa colaboración da Comandancia Naval do Miño, Protección Civil de Tui, Protección Civil de Tomiño, Grupo de Emerxencias-Ges da Guarda, Club Náutico San Telmo de Tui, Radio Municipal de Tui, Dronegal e Agua Sana.

No acto de presentación interviñeron o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, o presidente da Cámara municipal de Valença, Manuel Lopes, a deputada de Medio Ambiente da Deputación de Pontevedra, Iria Lamas, o presidente da Real Federación Galega De Motonautica, José Fernández, e Francisco Javier Burgos, 2º da Comandancia Naval del Miño.

Enrique Cabaleiro, indicaba na presentación que “para o Concello de Tui supón todo un reto asumir ser a sede deste campionato e agardamos que este sexa o inicio doutros eventos relacionados coa  motonáutica para que se poidan celebrar en Tui”, dicía.

Pola súa banda Manuel Lopes, presidente da Cámara de Valença, salientaba que “o Miño é a identidade desta rexión, da auga, da vida, do verde que nós temos, e que este río vai servir de palco para este gran evento que hai tempo promóvese desde ambas as beiras”.

A deputada provincial Iria Lamas pechaba o acto conxuntamente co alcalde de Tui salientando “a estreita relación entre o deporte e o turismo que representa o campionato”. 

O rio Miño ao seu paso por Tui e Valença, cidades anfitrioas da cita deportiva, será o escenario no que compitan os mellores pilotos de ambos países, España e Portugal. Destacan os españois Keko Pereira, Héctor Sanz, Francisco Ríos e Cristian Ortega aos que se suman pilotos da categoría do luso Ricardo Luís, a salmantina Claudia Criado ou o inglés Chris Burgess, entre outros.  

Utilizando como base operativa do evento o Club Náutico San Telmo, o circuíto da competición terá un percorrido de algo máis dun quilómetro, delimitado por boias fondeadas de cores que indicaran, segundo a súa tonalidade, se deben abordarse por babor ou por estribor, dispondo da lámina de auga dunha recta de 500 metros.

O número de voltas é de aproximadamente 15, engadindo unha máis no último tramo, resultando un percorrido total de entre 20 e 25 km. Das catro mangas programadas, puntuarán as tres mellores.

Os deseños das embarcacións que corren nestas categorías (T-850 e GT-60) son monocascos, con esloras aproximadas aos 4,50 metros, con velocidades punta que roldan os 100/120 km/h. 

No transcurso da competición será de aplicación, tanto na parte deportiva como na asistencia de público, a normativa referente ao protocolo da covid-19. Asemade, exporase no contorno do perímetro do evento infografía informativa con consellos a seguir referentes a hixiene e prevención, engadindo mensaxes transmitidos dende a megafonía do evento. 

Programa do evento:

 Venres, 7 de maio de 2021.-

        17.00 h. Apertura de Boxes.

        21.00 h. Peche do parque.

 Sábado, 8 de maio de 2021.-

        08.00h. Apertura de Boxes.

        08.30 – 09.30 h. Verificacións administrativas.

        09.00 – 10.30 h. Verificacións técnicas.

        11.00 h. Reunión de pilotos.

        11.30 – 12.15 h. Adestramentos libres.

        12.15 – 12.30 h. Calificación.

        16.30 h. Inicio 1º Manga.

        18.30 h. Inicio 2ª Manga.

        22.30 h. Peche de Boxes.

 Domingo, 9 de maio de 2021.-

        09.00 h. Apertura de boxes.

        09.30 – 10.00 h. Adestramentos libres.

        11.00 h. Inicio 3ª Manga.

        12.30 h. Inicio 4ª Manga.

        14.00 h. Entrega de premios.

        15.00 h. Desmonte Boxes.