Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Esta fin de semana dispútase en Tui o Campionato de España Junior de Baloncesto

7/05/2008

Esta fin de semana dispútase en Tui o Campionato de España Junior de Baloncesto 

O Baloncesto vai ser protagonista esta semana en Tui coa  celebración da fase interautonómica grupo norte do Campionato de España Junior de Baloncesto. A cita será dende o xoves e até o domingo no vello pavillón de deportes. Participarán oito equipos tres galegos, tres de Castela-León, un asturiano e outro cántabro. A organización corresponde ao CB Tui.  

A celebración desta fase en Tui, máis aló das repercusións propiamente deportivas, ten tamén a súa repercusión positiva na hostalaría con algúns totais cunha ocupación do 100%. Amais ante a gran afluencia de público que se agarda colocarase unha grada supletoria e cadeiras a pé de pista para ampliar o aforamento do pavillón municipal.  

Os partidos do grupo A no que se enfrontará o Cidade de Lugo 90, o Ecole Art-Chivo da Fresneda, o Leonés Baloncesto, e a Escola Municipal Iberpistas A de Ávila xogarán o xoves, venres e sábado ás 10 e ás 12 do mediodía.  No grupo B compiten o Valladolid Maristas, o Gestibérica Maristas de Vigo, o Piélagos de Renedo e o Caixanova Rosalía de Santiago. A competición será o xoves, venres ás 17 e 19h e o sábado ás 16.30 e ás 20.30. O domingo disputarase a final ás 10 da mañá entre o 1º do grupo A e o 2º grupo do Grupo B, e ás 12 enfrontaranse o 1º do grupo B e o 2º do grupo A. Os equipos vencedores destas dúas finais clasifícanse para a Fase Final que se disputará en Almería. 

Este Campionato foi presentado este mediodía na Casa do Concello de Tui coa presenza do Presidente da Federación Galega de Baloncesto, Francisco Martín Micó, o Adestrador do Gestibérica Maristas Junior, Vicente Rodríguez, o Presidente do C.B. Tui , Juan Miguel Diz Guedes, e o Concelleiro de Deportes de Tui, José Prada. Jose Prada destacaba na súa intervención que “este evento dará a Tui máis realce deportivo” e que competicións coma estas veñen propiciadas polas excelentes infraestruturas con que conta a cidade.  Pola súa banda o Presidente da Federación Galega de Baloncesto amosou o seu agradecemento ao Concello de Tui que está conxugando “deporte e turismo”. Ao tempo destacaba que é un éxito que tres equipos galegos participen nesta fase, agardando que algún deles se clasifique para a final. 

O presidente do C.B. Tui, Juan Miguel Diz Guedes, agradeceu á Federación ao apoio que brinda ao baloncesto galego e ao club que preside en particular. Agradecemento que fixo extensivo ao Concello pola estreita colaboración cara o deporte e en concreto co baloncesto.  Remataba desexando que “este evento sexa unha ponte a futuros eventos de maior transcendencia e maior ámbito”. Os xogadores dos oitos equipos que participarán no Campionato recibirán unha Camiseta Conmemorativa doada pola SETA e coa colaboración de ACITUI.