Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

A Escola de Baloncesto de Tui recolle nun libro os seus 25 anos de historia

30/07/2007

A Escola de Baloncesto de Tui recolle nun libro os seus 25 anos de historia

 Luns, 30 de xullo de 2007. Baixo o título “Algo máis de 25 anos de baloncesto en Tui” a Escola de Baloncesto da cidade vén de publicar un libro no que recolle a súa historia entre os anos 1981 e 2007. Ao longo de 85 páxinas faise unha exposición sobre a historia deste deporte na cidade amplamente documentada con fotografías de todos aqueles que nun momento ou noutro ao longo das últimas décadas tiveron relación con esta actividade deportiva.  O libro comeza abordado os inicios do baloncesto na cidade, un deporte que chegou a Tui da man dos cataláns entre os anos 1940 e 1943.  Xa na cidade o pioneiro nesta práctica foi Carlos Bugarín, xogador e adestrador, xogándose os primeiros partidos na praza de San Fernando., e o primeiro campo estivo no lugar onde na actualidade se atopa o Conservatorio de Música.  Destaca tamén no libro o papel das irmás Giráldez, especialmente de Marisa, que foi precursora do deporte feminino en Galicia.  A Escola de Baloncesto nacería anos máis tarde, en 1981, da man de Juan Ramón Solleiro e Juan Carlos Solla, que crearon esta entidade e lle deron  pulo.  A ilusión foi o motor que moveu os inicios da Escola, pola que ao longo dos anos teñen pasado centos de nenos, e tamén de nenas, xa que foron precursores no deporte mixto.  No segundo capítulo do libro recóllese coma o “mecenas” do Baloncesto en Tui era o café, xa que para pagar os desprazamentos do equipo nunha furgoneta, a cada encontro levaban entre dez e vinte quilos de café que logo vendían nos bares do lugar onde xogaban. Tamén houbo benefactores anónimos que colaboraron desinteresadamente. O equipo feminino de baloncesto, as xeracións unidas por este deporte, e un bo número de fotografías dos equipos de baloncesto tanto feminino coma masculino que se foron sucedendo neste tempo de Escola completan este libro cheo de lembranzas e de bos momentos que moitos recordarán ao pasar as súas páxinas.  Dende a Escola de Baloncesto de Tui queren amosar o seu agradecemento tanto ao Concello de Tui coma á Deputación de Pontevedra, pola súa colaboración para publicar este libro.  O Alcalde de Tui, Antonio Fernández Rocha, quixo agradecer o traballo feito pola Escola, e tamén a realización deste libro felicitándoos polo traballo levado a cabo.  O libro que resume estes 25 anos de historia da Escola de Baloncesto está á venda, ao prezo de 10€, en La Gran Manzana, Olav, O’Irlandés, e no Café Amadeus.  

Libro “Algo máis de 25 anos de baloncesto en Tui”Puntos de Venda: La Gran Manzana, Olav, O’Irlandés, Café AmadeusPrezo: 10€