Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Convocado o Desfile-Concurso de Entroido a celebrar o martes 5 de febreiro

7/01/2008

Convocado o Desfile-Concurso de Entroido que se celebrará o 5 de febreiro

 A  inscrición será do 15 ao 25 de xaneiro limitándose a 20 as comparsas participantes 

A Concellería de Cultura do Concello de Tui está a traballar xa na celebración do Entroido que na cidade será o martes 5 de febreiro, festivo local. Por este motivo vén de facer públicas as bases que rexerán no Desfile-Concurso. O prazo de inscrición ábrese martes 15 de xaneiro, podendo realizarse ate o venres 25 de xaneiro no Departamento de Cultura ou no Rexistro de Entrada do Concello de Tui no impreso normalizado para tal fin, en horario de 9 a 14h. 

Establécese a participación dun máximo de vinte comparsas, por orde de inscrición, coa salvedade de que nunca unha comparsa de Tui quedaría fóra do desfile. Neste concurso poderán participar comparsas integradas por un mínimo de vintecinco persoas disfrazadas, que poderán ir acompañadas de carroza, cun máximo de catro metros de altura, e de acompañamento musical, xulgándose nesta categoría que a música sexa en directo realizada con instrumentos musicais. O xoves 31 de xaneiro, ás 20h no salón de sesións da Casa do Concello, asignarase mediante sorteo público a orde en que desfilarán as comparsas, debendo asistir ao sorteo un representante, maior de idade, de cada comparsa 

O Desfile-Concurso de Entroido celebrarase o martes de Entroido, 5 de febreiro, Festivo Local en Tui, dende ás 18 horas, nun circuíto establecido polas rúas Casal Aboy, Compostela, Betanzos, Irmáns Maristas, Ourense e A Guarda. O xurado, integrado por un delegado das asociacións culturais de cada parroquia e do casco urbano de Tui, así coma por membros do Departamento de Cultura,  será o responsable de outorga-los premios establecidos, tendo en conta coma méritos a calidade, orixinalidade, a dificultade de realización, e a acollida por parte do público. O xurado poderá amais declarar deserto un ou varios premios, así coma diminuír a contía dos accésits outorgados por participación. 

En comparsas establécense premios para as cinco mellores. A gañadora recibirá 500 €, a segunda 400 €, a terceira terá un premio de 300 €, a cuarta, 200 €, a quinta 100 € . Na modalidade de Carrozas haberá catro premios  de 400, 300, 200 e 100 € Por último os premios de Acompañamento Musical son de 300 €, 200 € e 100 €.  Amais establécense unha serie de accésits pola participación. As comparsas de Tui que vaian acompañadas de carroza recibirán 500 €, e no caso de non ter carroza 250 €. As comparsas doutros municipios recibirán por estar presentes no desfile 250 € no caso de ir acompañadas de carroza, e 125 € se carecen da mesma. 

Nas bases deste Desfile-Concurso recóllese que para que os premios e os accésit sexan abonados as comparsas deberán acudir na súa totalidade, de rigoroso loito ao Enterro do Bacallao, a celebrar o domingo 10 de febreiro. O enterro partirá da Praza de San Fernando, ás 19.30 h, percorrendo ás rúas Seixas, Ordóñez e Paseo da Corredoira, onde se fará unha parada no Cantón de Diómedes para ler as coplas, debéndose entregar previamente unha copia á organización, coa cara descuberta, por parte das comparsas que así o desexen. O percorrido do enterro continuará pola Praza da Inmaculada, Augusto González Besada, enlace travesía de Ourense e Aparcamento Municipal, onde se procederá á cerimonia do enterro mediante incineración.