Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Continuan abertas ao público as exposicións de postais antigas e de maquetas

29/05/2007

CONTINUAN ABERTAS AO PÚBLICO AS EXPOSICIÓNS “TUI NAS POSTAIS ANTIGAS” E “O PATRIMONIO DE TUI EN MAQUETAS” As exposicións recentemente inauguradas en senllos edificios rehabilitados polo Concello de Tui continúan abertas ao público diariamente, ofrecendo a tudenses e visitantes a posibilidade de achegarse a coñecer tanto a parte municipal do antigo Convento de San Domingos como o edificio coñecido como “Cárcere vello” que forman parte do noso conxunto patrimonial e que acollen dúas mostras temporales relacionadas co noso patrimonio cultural.No futuro Museo Municipal, no antigo convento de San Domingos, podemos contemplar a exposición “Tui nas postais antigas – colección Juan Ramón Aparicio” que amosa máis de 250 postais anteriores a 1930 da nosa cidade. Ao través desta escolma podemos coñecer este excepcional testemuño da nosa historia contemporánea e da evolución urbana da nosa cidade. As postais son propiedade do museólogo tudense Juan Ramón Aparicio González de Alejandro que xenerosamente ten cedido ao Concello tudense este grupo de postais para a apertura deste edificio que o Concello de Tui pensa destinar como Museo Municipal. O horario de apertura ao público desta exposición é de martes a domingo de 19,30 a 21,00 horas.O convento de San Domingos é unha construcción que data de época medieval e foi edificada polos monxes dominicos en estilo gótico, do que hoxe ainda podemos contemplar diversos vestixios arquitectónicos. Posteriores procesos de adaptación do espazo ás novas necesidades tanto da comunidade dominica como posteriormente, tras a desamortización, do cuartel das tropas de infantería asentadas en Tui ou posteriormente do Instituto na época da II República modificaron sustancialmente esta edificación.Hai varios anos unha parte do inmoble foi adquirida polo Concello de Tui que xestionou a súa rehabilitación por parte do S. A. de Xestión do Plan Xacobeo así como por diversos obradoiros de emprego do noso Concello coa finalidade de acoller o proxectado Museo Municipal.Por outra banda, no edificio coñececido como “Carcere vello”, na rúa Sanz nº 3, podemos contemplar a exposición “O patrimonio de Tui en maquetas” que recolle a colección propiedade de Alejandro Pardo Martínez que reúne a trinta maquetas realizadas por José Martínez Clotet sobre os máis senlleiros monumentos da cidade tudense e todas as igrexas do municipio. Este edificio que tamén o Concello de Tui rehabilitou recentemente acollerá, nun futuro inmediato, a “Aula de Interpretación do Conxunto histórico”. O horario de visita desta exposición é de 17,30 a 19,00 horas de martes a domingo. A contemplación deste conxunto de maquetas onde están representados os principais inmobles históricos tudenses: Catedral, igrexas, capelas e conventos é unha oportunidade única de achegarse ao noso conxunto patrimonial. Dende o Concello de Tui agradéceselles tanto ao autor como ao propietario da colección a súa colaboraciòn para a montaxe desta exposición.Este inmbole do “Carcere vello” conserva importantes elementos arquitectónicos de relevancia como a portada do século XVI, e acolleu posiblemente, no seu día, o carcere civil da nosa cidade e a chamada “Escola de María” promovida no século XVIII polos Xesuitas, e que logo da Desamortización foi derrubada conservándose ainda diversos vestixios da súa capela.O Concelleiro de Cultura en funcións do Concello de Tui anima a todos os tudenses a visitar senllas exposicións que permiten achegarnos ao noso patrimonio cultural ao través tanto das fotografias como das maquetas. Ao tempo, sinala Moisés Rodríguez Pérez, é unha oportunidade excepcional para coñecer estes dous inmobles históricos da nosa cidade e o proceso de rehabilitación levado adiante nos mesmos polo Concello de Tui.