Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Contacontos con Maria Irimia maña xoves na Biblioteca Municipal de Tui

15/10/2008

MAÑA XOVES CONTACONTOS CO KAMISHIBAI CON MARISA IRIMIA NA BIBLIOTECA MUNICIPAL DE TUI

 

Mañá xoves, 16 de outubro, a Biblioteca Pública Municipal de Tui comeza as actividades programadas para a celebración do “Día da Biblioteca” (que se conmemora anualmente o 24 de outubro) coa presenza da ilustradora e contacontos Marisa Irimia que desenvolverá unha sesión de “Kamishibai” ou contacontos a través dun teatriño xaponés.

Esta sesión de contacontos, coa narración do relato de “Hans e a princesa”, está dirixida aos nenos de Educación Infantil e Primeiro Ciclo de Primaria (entre 4 e 7 anos) e comezará ás 17,00 horas na Biblioteca Municipal tudense.

Marisa Irimia é autora de numerosas ilustracións para libros de literatura infantil e libros de texto, e dedica tamén gran parte do seu tempo a proxectos didácticos e recreativos de fomento á lectura, en toda a comunidade galega. Actualmente, imparte obradoiros de ilustración en diversos concellos de Galicia e colabora regularmente coas editoriais Oxford-Planeta, Casals e Xerais no marco de actividades de animación á lectura e contacontos.

Con esta sesión de contacontos a Biblioteca tudense comeza as celebracións arredor do “Día da Biblioteca” que abranguen novas actividades a vindeira semán:

- o venres 24 ás 17,00 horaa haberá unha proxección audiovisual.

- o sábado 25 ás 12,00 horas Migallas teatro porá en escena a súa obra “Cantacontos”.

Neste ano a mensaxe conmemorativa deste “Día da Biblioteca” está realizada polo escritor galego Agustín Fernández Paz co título “Onde hai unha biblioteca hai unha luz” onde afirma entre outras cousas: “Percorre todos os recantos desta casa da liberdade, respira este aire que non sabe de fronteiras, déixate levar polo río de recendos que anuncia os tesouros da biblioteca”.

Tamén está previsto que ao longo da vindeira semana fique operativa a Opac da Biblioteca tudense. Opac son as siglas inglesas de Online Public Access Catalog ou Catálogo automatizado de acceso público aos fondos da biblioteca. Hoxe xa é posible consultar o catálogo a través de internet (http://www.opacmeiga.rbgalicia.org/Biblioteca.aspx?CodigoBiblioteca=PBM067), e nos vineiros días a través dunha terminal na propia biblioteca. Con esta mellora se superan os catálogos tradicionais de fichas en papel e a Biblioteca tudense está aberta ao acceso e consulta dos seus fondos.

Para o concelleiro de cultura tudense, Moisés Rodríguez Pérez, con estas novas actividades a biblioteca municipal amosa o seu dinamismo e a súa consolidación coma un referente para o acceso á cultura e a información no noso concello.