Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

A Concelleria de Cultura presenta a programación do primeiro semestre de 2009

5/02/2009

O Teatro Municipal de Tui pioneiro en Galicia na venda de entradas por internet nunha web propia

A Concellería mantén o seu orzamento pese a crise co que reforza a súa aposta por unha programación estable e de calidade

 

Mércores, 4 de febreiro de 2009.  O Teatro Municipal de Tui vai ser pioneiro en Galicia na venda de entradas por internet nunha web propia, ao ser o primeiro teatro público que pon en marcha este sistema de xeito directo. Este feito será unha realidade o próximo 16 de febreiro ao través da páxina www.culturatui.info, que de xeito progresivo irá incorporando información sobre os espectáculos culturais. No despacho de billetes electrónico o espectadores poderá elixir ao través do seu ordenador a butaca onde quere sentar e mercala directamente ao través do pagamento electrónico, logo o día da función non terá máis que recollela na billeteira do Teatro.

 

Desde xeito a Concellería de Cultura de Tui da un paso máis na súa aposta por unha programación estable e de calidade, valéndose amais das novas tecnoloxías para mellorar o servizo que ofrece ao público. Os espectadores teñen encaramado ao Teatro Tudense aos primeiros lugares na media de espectadores da Rede Galega de Teatro e Auditorios.

 

Tui mantén tamén a súa aposta económica pese aos tempos de crise, consciente da importancia de seguir pola liña marcada até o momento. Deste xeito a Concellería de Cultura vai investir algo máis de 90 mil na programación cultural a desenvolver até finais do mes de maio, na que ofertará dez espectáculos no Teatro Municipal, a celebración do Entroido e das Festas de San Telmo, as Feiras de Artesanía e do Libro, e a programación da Sala de Exposicións e da Biblioteca Municipal. Esta actividade recóllese no número 17 da Axenda Cultural Corredoira que cumpre dez anos de publicación. Nesta ocasión edítanse 15 mil exemplares a distribuír nos fogares de Tui e de Valença do Minho así coma en diversos espazos públicos.

 

A presentación desta programación tivo lugar esta mañá por parte do Alcalde de Tui, Antonio Fernández Rocha e do Concelleiro de Cultura, Moisés Rodríguez. Ambos manifestaron sentirse orgullosos da posta en marcha da venda de entradas por internet, que explicaban era "unha opción moi demandada pola xente".  Así Fernández Rocha insistía que "o máis importante sempre é o público porque sen público non temos espectáculo".

 

No que se refire a actividade do Teatro Municipal haberá oito representación teatrais, un concerto de música clásica, e unha obra de danza contemporánea. Compre salientar que de novo Tui volve contar coa presenza do Centro Dramático Galego, ao ser Espazo CDG, coa obra "As Dunas" que terá unha dobre función o 8 e 9 de maio.  Lagarta, Lagarta presentará en Tui  a dous actores galegos de primeiro nivel coma Ernesto Chao e Xosé Manuel Olveira "Pico" en Aeroplanos.  Outra das compañía consagradas da escena galega coma Teatro do Atlántico achegará a Tui "Unha primavera para Aldara" que está colleitando unha excelente crítica. E hai tamén oco na programación para o teatro independente con Teatro Ensalle de Vigo e "La estrategia del avestruz".

 

Tui non descoidará ao seu público máis fiel, os cativos, e volve apostar polo teatro infantil no que goza dunha media de 240 espectadores. A compañía Galitoon que fixo disfrutar aos nenos con Golulá volve agora cunha nova obra escrita con catro palabras, mentres que por vez primeira estará na cidade Berrobambán con "Boas Noites" na que haberá música en directo. Pero a primeira representación será este mesmo venres con Elefante Elegante e "Tristán cara de can".

 

A parte musical da programación correrá a cargo da Real Filharmonía de Galicia nun concerto de luxo que chega a Tui grazas á Fundación Caixanova.

 

Pecha a programación do Teatro o Centro Coreográfico Galego, que tan bo sabor de boca deixou con Vacuo e o Kiosco das Almas Perdidas. Agora presentan o clásico "Giseliña" dirixido por Cisco Aznar.

 

A programación do Teatro acada un investimento de 60 mil euros dos que o 40%, 25 mil euros, son aportados polo propio Concello de Tui.

 

Na Axenda Cultural Corredoira recóllese amais a programación até o mes de xuño tanto da Sala Municipal de Exposición coma da Biblioteca Pública, a programación do Entroido, as actividades que o Concello organiza nas Festas de San Telmo con especial destaque a aposta polas Asociacións coa organización dunha Semana do Teatro Afeccionado. Así coma as novas edicións que se van celebrar tanto da Feira de Artesanía coma da Feira do Libro.