Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

A compañía do Elefante Elegante abre a programación de 2009 no Teatro Municipal con "Tristán cara de can"

5/02/2009

A compañía do Elefante Elegante abre a programación de 2009 no Teatro Municipal

Mañá ás 20h representa "Tristán cara de can" para o público infantil

 

Xoves, 5 de febreiro de 2009.  A compañía do Elefante Elegante da Coruña é a encargada de abrir mañá venres a programación de 2009 no Teatro Municipal de Tui. A partir das 20h vai pór en escena "Tristán cara de can" unha comedia xestual interpretada ao estilo dos deseños animados.

 

María Torres e Gonçalo Guerreiro dan vida a esta obra na que unha boneca de trapo que aparece dentro dunha misteriosa caixa, traballará arreo para facer sorrir a Tristán, un can que pasa os días ladrando e nunca sorrí.

 

Con esta obra, onde as palabras se transforman en xestos, a compañía do Elefante Elegante volve a España tras unha estadía de seis anos en Bruxelas, onde montaron "Silence", un espectáculo baseado no universo celta que representaron tamén en Francia e Suíza, e "Encantamentus" baseado en lendas portuguesas das mouras encantadas.

 

A representación comezará ás 20h, e durará 50 minutos. As entradas poranse á venda ás 18.30h ao prezo de 3€, e 2€ con desconto e para os menores de 12 anos.

 

 

Compañía do Elefante Elegante con "Tristán cara de can"

Lugar: Teatro Municipal

Data e hora:  Venres 6 de febreiro ás 20h

Recomendada: A partir de 3 anos

Prezos: 3€ - 2€ con desconto e para os menores de 12 anos