Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Comezaron este luns as obras de restauración do palco de música de Tui

11/09/2018

O palco, construído en 1897, vai ser rehabilitado na súa totalidade para recuperar o seu uso

Onte luns comezaron as obras de rehabilitación do palco de música de Tui. O palco situado no Cantón de Diomedes, ao pé do paseo da Corredoira foi construído en 1897 e dende hai varios anos deixara de utilizarse polo deterioro que presentaba. Para a realización destas obras foron precisos dous proxectos. Por un lado o de rehabilitación de carpinteiría e canteiría, redactado polo arquitecto Rubén Martín Vázquez, e outro específico para os elementos de forxa, cuxa redacción correu a cargo de  Gonzalo Buceta Brunete.

As obras terán unha duración de tres meses e a empresa adxudicataria, encargada de realizalas é  Construcciones Mascareñas e Hijos S.A. O importe total das mesmas será de 51. 400€ IVE incluído.

O proxecto de restauración pretende restablecer a finalidade inicial do palco cando foi construído, acoller actuacións musicais de grupos, bandas de música ou mesmo de teatro.

A actuación centrarase en tres partes: cuberta e marquesiña, columnas e varandas e a base de pedra.

 O alcalde de Tui, Carlos Vázquez Padín, considera que unha vez rematadas as obras , o palco poderá volver a ser utilizado e cumprirá a función para a que no seu día foi realizado, dar vida e dinamizar o paseo da Corredoira, recuperando tamén un elemento de gran valor, tanto arquitectónico como cultural da nosa cidade.