Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Coa exposición "Tui nas postais antigas - colección Juan Ramón Aparicio" abren as instalación do Museo Municipal en San Domingos

16/05/2007

COA EXPOSICIÓN “TUI NAS POSTAIS ANTIGAS – COLECCIÓN JUAN RAMON APARICIO” ABREN AO PÚBLICO AS INSTALACIÓNS DO MUSEO MUNICIPAL EN SAN DOMINGOS  O vindeiro venres 18 de maio, ás 19,00 horas, inaugúrase a exposición “Tui nas postais antigas – colección Juan Ramón Aparicio” que se exhibirá ao público nas dependencias do futuro Museo Municipal de Tui, na parte municipal do antigo convento de San Domingos.A inauguración desta exposición o vindeiro venres, día internacional do museos, supón a recuperación como un novo espazo público das dependencias deste antigo convento que acollerá, nun futuro inmediato, o Museo Municipal da nosa cidade.Ao abrir a súa actividade estas novas dependencias municipais do Concello de Tui os visitantes poden contemplar unha exposición excepcional adicada á exhibición dunha escolma da colección de postais de tudense Juan Ramón Aparicio, que xenerosamente ten cedido esta colección.O convento de San Domingos é unha construcción que data de época medieval e foi edificada polos monxes dominicos en estilo gótico, do que hoxe ainda podemos contemplar diversos vestixios arquitectónicos. Posteriores procesos de adaptación do espazo ás novas necesidades tanto da comunidade dominica como posteriormente, tras a desamortización, do cuartel das tropas de infantería asentadas en Tui ou posteriormente do Instituto na época da II República modificaron sustancialmente esta edificación.Hai varios anos unha parte do inmoble foi adquirida polo Concello de Tui que xestionou a súa rehabilitación por parte do S.A. de Xestión do Plan Xacobeo así como por diversos obradoiros de emprego do noso Concello coa finalidade de acoller o proxectado Museo Municipal. Agora e nunha data tan significativa como é o dia internacional dos museos o Concello de Tui procede á apertura pública destas instalacións coa devandita exposición de postais antigas da nosa cidade que abofé que resultarán de interese para todos os veciños.Nesta exposición pódense contemplar as series más antigas editadas de postais sobre a nosa cidade, que corresponden cos primeiros anos do século XX e que conforman un excepcional testemuño da historia e da evolución urbana da nosa localidade.O Concelleiro de Cultura do Concello tudense, Moisés Rodríguez Pérez, convida a todos os veciños a visitar esta exposición que supón unha excepcional mostra da historia tudense. Rodríguez Pérez agradece ao museólogo tudense Juan Ramón Aparicio a súa colaboración. Amáis coa apertura desta nova exposición o Concello tudense recupera para o uso público un espazo histórico da nosa cidade patentizando o seu compromiso a prol da conservación e posta en valor do noso patrimonio cultural.Este novo espazo conta con amplas instalacións que ocupan case 800 de m2, distribuidos cunha sala polivalente na planta baixa así como diversas salas de exposición repartidas nas dúas planta do edificio.

O Concello de Tui, segundo o concelleiro de cultura, ten realizado un importante investimento na recuperación deste emblemático edificio que terá como finalidade a posta en valor do legado patrimonial da cidade de Tui.