Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

As campas da Catedral, San Telmo, San Francisco e As Clarisas soarán este domingo no concerto “As Badaladas de San Telmo”

26/04/2019

Participarán Montserrat Palacios e Llorenç Barber xunto a 25 voluntarios. Aconséllase estar en continuo movemento polas rúas para apreciar as distintas sonoridades dos campanarios

Este domingo, 28 de abril, ás 18.00h, terá lugar en Tui o concerto “Badaladas de San Telmo”, o primeiro concerto de campás que se celebra na cidade. Baixo a coordinación artística do festival Música no Claustro e a batuta da soprano e  etnomusicóloga Montserrat Palacios e o compositor e artista sonoro Llorenç Barber, preto de 25 voluntarios, con e se experiencia musical, van a tocar as campás da Catedral de Tui, do Convento das Clarisas, da Igrexa de San Francisco e da Igrexa de San Telmo.

Serán 43 minutos de concerto coa Catedral como punto de inicio e sincronía cos demais campanarios, que, se ven non executan unha melodía, a peza está baseada nos ritmos do himno de San Telmo.

O Paseo da Corredoira, a Praza de San Telmo e a Praza do Concello son algúns dos puntos recomendados polos expertos para escoitar o concerto, asegurando, que o fundamental é estar en continuo movemento polas diferentes rúas da cidade para poder percibir o son dos distintos campanarios. Destacaban ademáis as diferentes sonoridades que se poderán apreciar en cruces e espazos con construcións de diferentes alturas.  Dende a Praza do Concello ademáis poderán escoitar no alto da Catedral a campá de San Telmo e a de Santa  Bárbara ao carón da Campá de Santa Ana, a máis antiga da cidade, do ano 1511.

No concerto haberá ademais un solo de matraca dunha peza recentemente restaurada.

Na presentación deste concerto realizada esta mañá estiveron o concelleiro de Cultura, Eduardo Freiría, e o alcalde de Tui, Carlos Vázquez Padín, que destacaban  a importancia de dar visibilidade a este instrumento e aos campaneiros unindo a tradición e a vangarda, así como o carácter distintivo que este concerto dá ás Festas de San Telmo de Tui con respecto a outras.