Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

A Biblioteca Municipal organiza os "Encontros de verán" para nenos entre o 1 e o 9 de xullo

25/06/2009

 

A Biblioteca Pública Municipal de Tui organiza unha semana de actividades lúdicas para os cativos tudenses en colaboración coas alumnas do curso de "Auxiliar de coidado infantil" que se desenvolve na cidade ao abeiro do Proxecto Aquelando.

Estes "Encontros de verán na Biblioteca" están programados en dúas quendas: unha para os rapaces entre os 4 e os 6 anos que será da 11,00 a 12,15 horas entre o 1 e o 9 de xullo, e outra quenda para os nenos e nenas de 7 a 10 anos entre ás 12,15 e ás 13,30 horas.

No curso desta semana os rapaces participaran en actividades de carácter lúdico, xogos, actividades de animación á lectura etc, realizando así unha oferta de lecer para os cidadáns máis pequenos, que deste xeito poden achegarse ao mundo dos libros e a lectura dun xeito máis divertido.

Os monitores desta actividades realizaran ao longo desta semana numerosas actividades de animación, de xogo e de destrezas cos rapaces e rapazas participantes promovendo un tempo de lecer para os cativos e, paralelamente, promovendo a cooperación e compañeirismo entre os participantes.

O número de prazas en cada quenda é limitado a 15 inscricións. Os interesados deben formalizar a súa inscrición na Biblioteca Municipal ata ás 13,00 horas do 30 de xuño de 2009. No caso de existir máis solicitudes que o número de prazas ofertadas se realizará un sorteo público entre as solicitudes presentadas. Dito sorteo terá lugar ás 13,45 horas do 30 de xuño na propia Biblioteca Municipal tudense.

Para o concelleiro de cultura tudense, Moisés Rodríguez Pérez, a realización desta actividade de carácter puntual serve para a promoción da Biblioteca como un centro vivo e dinámico ao servizo dos diversos sectores sociais e, paralelamente, serve para a formación deste novos profesionais de coidado infantil  que completan así o seu proceso formativo promovendo unha actividade de gran interese social.