Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

A Biblioteca Municipal distinguida por terceiro ano consecutivo nos Premios María Moliner

5/11/2008

A BIBLIOTECA MUNICIPAL TUDENSE DISTINGUIDA POR TERCEIRO ANO CONSECUNTIVO NOS PREMIOS “MARIA MOLINER”

 

A Biblioteca Pública Municipal de Tui vén de resultar distinguida cun dos premios que concede o Ministerio de Cultura, a Federación Española de Municipios e Provincias e a Fundación “Coca-Cola” España que baixo o nome de Premios “María Moliner”, realizan anualmente unha convocatoria para recoñecer o traballo das bibliotecas de toda España, en municipios menores de 50.000 habitantes, en animación á lectura, labor bibliotecario e integración social.

 

Este é o terceiro ano consecutivo no que a Biblioteca Municipal tudense resulta galardoada neste certame, destacando o feito de que o pasado ano 2007 esta Biblioteca tudense acadou unha “mención especial” na categoría de labor bibliotecaria. Deste xeito recoñécese o importante pulo experimentado polo centro bibliotecario tudense nos últimos anos, nos que está traballando con intensidade na extensión bibliotecaria e na promoción do libro e a lectura entre os veciños de Tui.

 

De entre os  557 proxectos presentados por outras tantas bibliotecas de toda España foron seleccionados un total de 350 proxectos como premiados, deles 29 de Galicia e once da provincia de Pontevedra.

 

Para o concelleiro de cultura tudense, Moisés Rodríguez Pérez, este novo recoñecemento ao labor que desenvolve a biblioteca municipal tudense avala o traballo que nos últimos tempos realiza este centro bibliotecario no que abriu unha nova dinámica de promoción  da lectura pública como unha ferramenta básica para o desenvolvemento persoal e social. Moisés Rodríguez felicítase deste premio que anima ao persoal da Biblioteca Pública Municipal e á propia Concellería de Cultura a continuar nesta liña de traballo. Igualmente aproveita para felicitar á Biblioteca Municipal de Ortigueira polo primeiro premio acadado nesta XI edición dos premios “María Moliner”.