Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

A Biblioteca celebra na vindeira semana o "Día da Biblioteca"

19/10/2006

A BIBLIOTECA MUNICIPAL CELEBRA A VINDEIRA SEMANA O “DIA DA BIBLIOTECA”

A Biblioteca Pública Municipal de Tui promove unha serie de actividades de animación para a vindeira semana para conmemorar o “Día da Biblioteca” que se celebra o martes 24 de outubro. Esta celebración foi creada, en España, pola Asociación de Amigos del Libro Infantil y Juvenil que desde 1997.
É unha xornada para reflexionar sobre o papel que desempeñan as Bibliotecas Públicas como centros de acceso á información e a cultura e a necesidade de incrementar os índices de lectura, como principal indicador da consolidación de hábitos culturais entre a poboación.

Programa
A Biblioteca tudense para celebrar cos máis pequenos este “Día da Biblioteca” ten artellado o seguinte programa de actividades:

Lúns 23 de outubro, ás 18,00 h.
Sesión de contacontos e obradoiro de marcapáxinas

Martes 24 de outubro, ás 18,00 h.
Sesión de animación coa actuación do grupo “As Pekenekas”

Dende a Concellería de Cultura anímase a todos os rapaces e rapazas de Tui a participar nestas actividades que tentan achegar o mundo la lectura e os libros aos cidadáns máis cativos dun xeito lúdico co obxectivo de favorecer a súa afección á lectura.

Papel da Biblioteca
A celebración deste “Día da Biblioteca” tenta achegar aos cidadáns unha reflexión sobre o importante papel que as bibliotecas, e especialmente as públicas, están chamadas a desenvolver. O manifesto da UNESCO sobre as bibliotecas públicas expón que:
- A Biblioteca Pública é un centro local de información que facilita aos seus usuarios toda clase de coñecemento e información.
- Os servizos da Biblioteca Pública se prestan sobre a base da igualdade de acceso para todas as persoas, sen ter en conta a súa idade, raza, sexo, relixión, nacionalidade, idioma ou condición social.
- Á Biblioteca Pública compétenlle como misións: crear e consolidar os hábitos de lectura nos nenos dende os primeiros anos, prestar apoio á educación en todos os niveís, ofrecer posibilidades para o desenvolvemento persoal creativo, estimular a imaxinación e creatividades de nenos e mozos, fomentar o diálogo multicultural e favorecer a diversidade cultural, así como facilitar o progreso no uso da información e no seu manexo a través dos medios informáticos.

Este Manifesto proclama a fe da UNESCO na Biblioteca Pública como unha forza viva para a educación, a cultura e a información e como un axente esencial para o fomento da paz e do benestar espiritual a través do pensamento de homes e mulleres.
A Biblioteca Pública Municipal de Tui tenta, na medida das súas posibilidades, achegarse a este parámetros convertendo á biblioteca nun centro de referencia para a vida cultural e social da nosa cidade.

Tui, 18 de outubro de 2006