Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Best Boy actúa este sábado no concerto Fin de Verán en Tui

14/09/2017

O evento comezará ás 20.30h e inclúe tamén unha proposta gastronómica

A música dos Best Boy despedirá este sábado o verán en Tui nunha iniciativa da Asociación Cultural Betún na que colabora o Concello de Tui a través das concellerías de Ensino e Cultura e de Patrimonio. A praza de Fromista será o escenario, en pleno conxunto histórico, dunha festa na que música e gastronomía irán da man a partir das 20.30h.

A casa do concello acolleu esta mañá a presentación deste evento cultural por parte do concelleiro da Eurocidade, Miguel Capón, a concelleira de Patrimonio, Carmen Núñez, xunto aos representantes da asociación Betún, Esther Sánchez e Jorge Aldir, e o líder de Best Boy, Ángel Sánchez.

O cartel do evento, deseñado por Pedro Toro, recolle a combinación de música e petiscos prevista para este sábado coa que buscan revitalizar a cultura na zona vella da cidade e facer partícipes desta actividade tamén aos veciños da zona, coma xa teñen feito en dúas ocasións anteriores levando a súa actividade ata a praza de Fromista. Nesta ocasión a partir das 20.30h a ambientación musical chegará da man de dj Funkente, e Cociñarte servirá petiscos salgados e doces, ao tempo que haberá tamén viños Vimbio. Así o explicaron esta mañá Esther Sánchez e Jorge Aldir da Asociación Cultural Betún, que en ano e medio de actividade supera xa os dous mil asociados.

Ás 22h chegará o prato forte da noite coa banda tudense Best Boy, liderada por Ángel Sánchez e Lucas Fernández. Será un concerto especial ao tocar “na casa” o que lles permitirá certas licencias. Volverán soar en directo os temas do seu primeiro traballo “Cross the border”. Así o indicou Ángel Sánchez explicando que están “encantados de participar e apoiar esta causa” eloxiando o traballo de programación semanal de concertos que realizan dende o Betún con cultura alternativa, criterio e valentía, constituíndo unha illa cultural no deserto.

No mesmo senso se pronunciaba a concelleira de Patrimonio, Carmen Núñez, dando os parabéns aos membros do Betún pola constancia e calidade das súas actividades, así coma pola seu empeño en achegar ás persoas á cidade histórica.