Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

A Banda de Música de Tui celebra o seu 125 aniversario, con concertos o mércores 11 e o xoves 12 de outubro

11/10/2006

A Banda de Música de Tui celebra o seu 125 aniversario
Haberá concertos o mércores 11 e o xoves día 12 no Teatro Municipal

Dous concertos que se celebrarán mañá mércores e o xoves son os actos centrais da celebración do 125 aniversario da Banda de Música Popular de Tui. O Teatro Municipal na Área Panorámica acollerá estes dous eventos que forman parte da programación cultural de outono que organiza a Concellería de Cultura.

O primeiro dos concertos terá lugar este mércores, 11 de outubro, ás 21.30h e correrá a cargo da Banda de Música Xuvenil de Chapela e da Banda de Música de Santiago de Compostela.

O segundo concerto terá lugar o xoves, 12 de outubro, ás 20.30h participando a Banda Sinfónica da Asociación Músico-Cultural “La Lira” de Pozuelo e a Banda de Música Popular de Tui.

Nos dous casos o prezo das entradas é dun euro, e poranse á venda ás 16.30h do día do concerto.

A Banda de Música Popular de Tui
A Banda de Música Popular de Tui cumpre 125 anos de traxectoria nos que os músicos fóronse sucedendo e herdando partituras baixo a batuta de diferentes directores. A cidade de Tui sempre tivo unha importante tradición música, coma sé episcopal contou con capela de música e os 125 anos desta agrupación que agora se celebran, que sempre estivo vinculada a un escola de música, son tamén testemuño desta tradición.

Non hai data exacta que fale da constitución da Banda de Música de Tui. As súas primeiras orixes poden estar a metade do século XIX cando nunha época de gran dinamismo cultural existiu unha primeira agrupación promovida pola Beneficiencia local que desaparecería en 1880. Foi entón cando o propio Concello que daquela presidía Hipólito Padín Díaz de Robles, promoveu a creación dunha banda de carácter municipal para a que se mercaron instrumentos. Severiano Castillo dirixiu aos trinta músicos que a integraban, actuando por vez primeira en 1881. Dende entón a vida desta agrupación tivo momentos de consolidación e outros de dificultades o que a levou a desaparecer en varias ocasións. Incluso hai fontes orais que apuntan a existencia de dúas Banda de Música en Tui que rivalizaban entre sí.

Crisanto Castillo, Prudencio González Martínez, Claudio Pérez Otero e Casiano Pereiro Pérez foron os directores da banda tudense dende a súa creación e ata 1937. A situación do país era difícil e as condicións económicas do Concello non eran tampouco as mellores motivo polo que o consistorio viuse na obriga de deixar a agrupación sen orzamento o que a leva a desaparecer.

A paréntese musical durou case unha década, pese a tentos varios por parte do concello de recuperar a Banda, o que non acontecería en firme ata mediados dos anos 40. Faustino Temes Diéguez, tudense, leva a batuta desta agrupación ao longo de 8 anos, ata o seu falecemento cando é substituído polo hoxe afamado compositor Rogelio Groba.

De novo vólvese abrir un período de inactividade que desta volta duraría varias décadas, ata que en 1980 se constitúe a Banda de Música Popular de Tui. Dende entón está agrupación ten realizado unha actividade constante e en alza, incrementando a súa calidade e bo facer. Galicia e Portugal teñen sido testemuñas dos seus múltiples concertos, Asturias, Valencia, Madrid, … son tamén lugares onde teñen actuado e participado en diferentes certames. Amais en marzo de 2002 viaxaron a Arxentina onde participaron na celebración do Día de Galicia no Centro Tui-Salceda de Bos Aires.

Na actualidade a Banda de Música popular de Tui está dirixida por un tudense, que tamén foi músico da banda, Adolfo Besada, que de xeito importante ten contribuído nos últimos anos a situar á Banda de Música Popular de Tui no alto nivel de interpretación e calidade no que se atopa.

125 aniversario da Banda de Música Popular de Tui
Lugar: Teatro Municipal
Data:
Mércores 11 de outubro ás 21.30
Banda de Música Xuvenil de Chapela
Banda de Música Municipal de Santiago de Compostela
Xoves 12 de outubro ás 20.30
Banda Sinfónica da Asociación Músico-Cultural “La Lira” de Pozuelo
Banda de Música Popular de Tui.
Prezo: 1€
Venda de localidades na billeteira da Área Panorámica dende ás 16.30h o día do espectáculo.
Organiza: Concellería de Cultural do Concello de Tui