Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Artesacía estrea “Illas Desertas” no Teatro Municipal de Tui

20/03/2021

Haberá dobre función o martes 23 e o mércores 24 ás 19.30 h cun aforo limitado a 50 persoas por día. As entradas poranse á venda o luns en tui.gal

O Teatro Municipal de Tui acolle o martes 23 e o mércores 24 de marzo  a estrea de “Illas Desertas” da Compañía Escénica Transmédia Artesa Cía. Será ás 19.30 h. 

A obra está escrita e dirixida por Artesa Cía con textos de SebastIán Álvaro. Sobre o escenario estarán Laura Villaverde, Roi Fernández, Héctor Pazos e Susana Méndez. Contan coa colaboración tecnolóxica de Fura dels Baus.

“Illas Desertas” válese das experiencias e reflexións de dous dos grandes fracasos da historia, a aventura da aviadora Amelia Earhart e da expedición antártica do explorador Ernest Shackleton. Toda a obra está bañada pola súa transmisión cultural, polo seu camiño vital cara á utilidade desas cousas inútiles.

Os protagonistas desta historia convidan ao público, a través dos seus móbiles, a subirse a bordo dunha expedición cara unha illa deserta, que flota no espazo-tempo (no Pacífico, na Antártida, na Indonesia de hai 40.000 anos?). Esta viaxe fraccionada en etapas convértese nun acto poético e nunha experiencia, unha bela aventura contemporánea na que se amosa outro camiño, outra alternativa á competitividade e produtividade da sociedade actual atafegada polo éxito, as metas e a posesión de bens.

As entradas poranse á venda o luns en tui.gal e poderán mercarse até o día da función hora e media antes do comezo. Os presos son 6 e 5€.

Previa a estrea a compañía está a realizar sete días de residencia no teatro tudense.