Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

A Área Panorámica tínguese de morado co gallo do Día Mundial do Alzheimer

21/09/2018

A Área Panorámica de Tui tinguiuse esta noite de morado sumándose así o Concello de Tui á celebración do Día Mundial do Alzheimer coa iluminación deste emblemático edificio.

O Concello de Tui responde así á solicitude neste senso feita dende AFAGA, a Asociación de Familiares de Alzheimer e outras demencias de Galicia. Na campaña deste ano, tanto a Federación Alzhéimer Galicia como as asociacións que a integran poñen o aceno na importancia dunha maior conciencia social da enfermidade que involucre a todos os eidos da sociedade. Así, a través da campaña “Ela non se acordará, e ti?”, queren facer máis visibles aqueles aspectos que consideran que tanto as administracións públicas como a sociedade en xeral deben axudar a recoñecer para mellorar a calidade de vida das persoas cunha demencia e da súa familia.

Cómpre lembrar que AFAGA conta na antiga Escola de Chans en Randufe co Centro Comarcal de Atención ao Alzheimer do Baixo Miño onde desenvolven obradoiros de estimulación cognitiva e funcional.