Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Abre ao público a exposición "A palabra e os días. Homenaxe a Xosé María Álvarez Blázquez"

2/12/2008

ABRE A EXPOSICIÓN "A PALABRA E OS DIAS. HOMENAXE A XOSÉ MARÍA ÁLVAREZ BLÁZQUEZ"

 

Maña martes 2 de decembro inaugúrase en Tui a exposición "A palabra e os días. Homenaxe a Xosé María Álvarez Blázquez" organizada pola Consellería de Cultura e Deporte e a Editorial Galaxia xunto coa colaboración da Concellería de Cultura do Concello de Tui. O acto terá lugar ás 11,30 horas na Sala Municipal de Exposicións e contará coa presenza da Delegada Provincial da Consellería de Cultura e Deporte, María Xesús López Escudeiro, e o Alcalde de Tui, Antonio F. Fernández Rocha.

Esta mostra realiza unha viaxe pola biografía e a obra dun autor fundamental na edición galega, a quen este se dedicou neste anos que agora remata o Día das Letras Galegas. Esta exposición sobre Xosé María Álvarez Blázquez pretende achegarnos á súa figura atendendo ás súas múltiples facetas vitais e creativas. Diante de nós aparece o poeta, pero tamén o investigador e o cronista. Un home curioso e activo, cheo de inquedanzas, que foi quen de deitar o seu talento na súa época e para a súa terra atendendo a moitas frontes porque nada quedaba fóra da súa curiosidade. Desde o compromiso con ela, inventando, en tempos escuros pouco propicios á lucidez, un país do que hoxe podemos gozar. A súa contribución, desde a recuperación de cantigas medievais, ou desde o seu labor de arqueólogo, editor ou poeta, celebrámola hoxe coma un agasallo xeneroso dun home de talento.

Nesta homenaxe a Xosé María Álvarez Blázquez propoñemos tamén unha viaxe pola súa vida desde o seu nacemento en Tui ata a súa morte en Vigo. É, dalgunha maneira, unha viaxe pola Galicia do século XX, unha terra ferida, coma o propio Xosé María tras o fusilamento do pai no 36, pero que quixo erguerse do seu sono, loitando contra da escuridade, a través da edición de libros fermosos, a través de palabras deitadas á roseira do mencer, batallando contra os ruíns, abrindo canles segredas para que entrase a luz e fluíse o vento. A Galicia que hoxe le e escribe en galego non existiría sen a contribución de xentes ilusionadas coma Xosé María Álvarez Blázquez.

Esta exposición xunto co Congreso -que será presentado o vindeiro mércores- poñen remate ás actividades promovidas polo Concello de Tui, neste ano declarado por este Concello coma "Ano Xosé María Álvarez Blázquez". Para o concelleiro de cultura tudense ambas actividades supoñen unha extraordinaria clausura deste ano arredor da figura deste egrexio tudense, ao logo do que este Concello ten realizado un importante esforzo por promover a divulgación da súa vida e da súa obra a todos os tudenses.

Cabe comentar que esta exposición estaba prevista para a segunda quincena do mes de novembro, pero foi adiada para coincidir a súa estadia en Tui coa celebración do devandito Congreso "Álvarez Blázquez".