Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

50 equipos compiten mañá sábado no 6º Budiño Raid Eurocidade

10/09/2021

Os participantes realizarán probas de trekking, orientación específica, kaiak e bicicleta

50 equipos participarán mañá a partir das 9 h na Eurocidade tui-Valença no 6º Budiño Raid Eurocidade, 4ª e última proba da Liga Galega de Raids de Orientación 2021 e Campionato Galego da disciplina. O evento foi presentado esta mañá na casa do Concello de Tui. Está organizado pola Asociación Deportiva A Forna de Budiño, en colaboración coa Eurocidade Tui-Valença, e subvencionado polo programa UNICIDADE Interreg España-Portugal. 

O Raid é unha competición multidisciplinar destinada a probar a capacidade de resistencia, de navegación e de supervivencia dos equipos en completa autonomía. Trátase dun raid de longa duración cun percorrido, descoñecido previamente polos participantes, duns 85 quilómetros de distancia nunha etapa de 5 sectores, para un tempo máximo de carreira de 10 horas. A proba comezará na rúa Olímpicos Tudenses e contará con 4 modalidades: trekking, orientación específica, kaiak e bicicleta.

A organización entregará aos participantes unha serie de mapas da zona moi elaborados cos diferentes percorridos a realizar. Un traballo cartográfico feito a man onde se introducen manualmente os diferentes camiños e se indica a ciclabilidade de cada un.

Na presentación do evento esta mañá,  o director da Asociación A Forna de Budiño, Jose Cabaleiro, e os técnicos, Carlos Amil e Marcos Lago, ofreceron todos os detalles sobre esta competición e agradeceron o apoio recibido das administracións que colaboran para a súa celebración, especialmente ao Concello de Tui e a Cámara Municipal de Valença.

Pola súa banda, o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, o concelleiro de Deportes de Tui, Rafael Estévez, e o vereador de Deporte de Valença, Mario Rui Oliveira, defenderon este tipo de competicións como unha mostra máis do traballo conxunto que se realiza dende a Eurocidade Tui-Valença, e animaron a tudenses e valencianos a acudir mañá, á hora do inicio do campionato, aos exteriores do Centro Interfederado de Tui para coñecer como se desenvolven este tipo de probas deportivas.

Ás saídas e a entrega de mapas faranse de xeito ordenado e organizado en cumprimento do protocolo de prevención fronte a covid. O centro de competición, na rúa Olímpicos Tudenses, estará pechado ó trafico o día da proba e non estará permitido estacionar na zona acoutada nin na estrada de acceso.