Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

O concello de Tui inicia un programa de limpeza viaria en todo o municipio

25/01/2017

O Concello de Tui continúa cos traballos de mellora e coidado do aspecto da cidade con diversas actuacións simultáneas en diferentes puntos do municipio. En concreto, a Concellería de Limpeza está a realizar nestes días a desbroce do entorno das incorporacións á A-55 en Guillarei.

Deste xeito, procedeuse ás labores de limpeza, poda e roza da vexetación nunha superficie aproximada de 9.000m2. Esta actuación, dentro dun amplo programa de mellora visual da cidade, súmase ás levadas a cabo nos últimos meses nas tres pontes de entrada a Tui co obxectivo de mellorar a imaxe visual nas vías de acceso.

Amais, tamén nestes días, operarios municipais atópanse traballando na limpeza de diferentes viarios nas parroquias tudenses. En concreto, os traballos de limpeza estanse a realizar nas cunetas e beiravías de diferentes rúas de titularidade municipal na parroquia de Pexegueiro. Neste caso, o Concello traballa na limpeza e a Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Pexegueiro faise cargo da recollida dos materiais de refugallo que se atopaba nelas. 

A Concellería de Limpeza prevé  continuar con estas actuacións no resto das parroquias tudenses. Para o concelleiro da área, José Martínez Tato, “é unha prioridade municipal manter os viarios municipais limpos e rozados, tanto por seguridade como por imaxe”.