Pronóstico de Tutiempo.net
Facebook Twitter Vimeo

A Biblioteca Pública Municipal de Tui pon en marcha unha “bibliopiscina”

31/07/2006

A Biblioteca Pública Municipal de Tui pon en marcha unha “bibliopiscina” A Concellería de Cultura do Concello de Tui, por medio da Biblioteca Pública Municipal, pon en marcha dende estes días unha novidosa iniciativa na nosa cidade: a bibliopiscina. Esta iniciativa consiste en ofrecer aos usuarios da Piscina Municipal unha escolma de libros da Biblioteca Municipal cos que encher o seu tempo de lecer nestas instalacións entendendo que deste xeito favorece o seu desenvolvemento como persoas, foméntase a adquisición de valores e promóvese un entretemento creativo. O obxectivo último desta iniciativa é achegar a lectura aos cidadáns de todas as idades, para eso se instalou unha estantería que nos seus andeis ofertará lectura para todas as idades: contos ilustrados para os máis cativos, comic para os mozos e relatos curtos para os adultos. Os usuarios da Piscina Municipal tudense poderán deste xeito enriquecer a súa estadía coa lectura. Trátase dun servizo gratuito e de libre acceso, a única condición é o compromiso do coidado destes volumes que están á disposición de todos. Con esta iniciativa, espallada en numerosos lugares, a Biblioteca Municipal tudense tenta darse a coñecer entre os cidadáns como un lugar de acceso á cultura e a información, pero tamén ao lecer, pois a lectura é, sen dúbida, unha das ofertas de ocio máis accesibles para todas as persoas. Para o concelleiro de Cultura do Concello de Tui, Moisés Rodríguez Pérez, esta bibliopiscina tenta fomentar a lectura tamén na época estival, pois neste tempo en xeral disponse de máis tempo libre e de lecer, polo que é un momento máis que apropiado para achegar os libros a todos os veciños, xa na Piscina Municipal como na propia Biblioteca Pública Municipal, que mantén nos meses de verán un horario de mañan e tarde para favorecer o acceso de todos a este servizo público. Tui, 31 de xullo de 2006