Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Tui inicia mañá a campaña “O Camiño do Nadal” co acendido do alumeado ás 18 h

3/12/2020

Volverá iluminarse o gran abeto do final da Corredoira despois de máis de 8 anos

Mañá venres, 4 de decembro, ás 18 h terá lugar o acendido da iluminación de Nadal en Tui. Co lema “O Camiño do Nadal” o Concello de Tui continua a campaña iniciada en 2019 na que a posta en valor dos elementos locais, a reutilización de elementos e a reciclaxe marcan a decoración destas festas. 
As actuais condicións de pandemia limitarán a celebración de actividades que tiñan lugar en anos anteriores, pero con todas as medidas de seguridade dende a Concellería de Cultura artellouse unha programación para o disfrute na rúa dunhas festas diferentes por parte de cativos e maiores. 

Para o acendido de Nadal non haberá un acto simbólico coma noutras ocasións para tentar evitar así a aglomeración de persoas nun punto concreto. Por iso optouse simplemente polo acendido dos 113 arcos e os 55 elementos de iluminación con tecnoloxía led instalados nas rúas do centro urbano e tamén nos puntos de entrada ás distintas parroquias mañá venres ás 18 h. A principal novidade será a iluminación de novo, tras oito anos, do gran abeto situado no cruzamento entre o Paseo da Corredoira, a Avenida da Concordia e rúa Maristas que foi iluminado con 3 mil lámpadas led. 

Na decoración das rúas e prazas optouse por segundo ano pola posta en valor do patrimonio local destacando o Camiño Portugués de Santiago, do que Tui é a porta de entrada a Galicia. Así unha frecha amarela e a palabra “Tui”  son a imaxe desta campaña “O Camiño do Nadal”. Na decoración realizada primou a reutilización e a reciclaxe de elementos. Entre as principais novidades está a colocación dunha casiña de madeira de Nadal na zona peonil do Paseo da Corredoira, para a que se reutilizou unha estrutura de madeira que hai anos foi oficina de Turismo.  Xunto a esta casiña de chocolate haberá tamén un pergamiño no que deixar mensaxes para estas festas, o buzón real ou un elemento decorativo coas imaxes da campaña para poder facerse fotografías  Tamén se incorporan á decoración figuras de anxos realizados con madeira e corda, e xunto a farois de madeira. Un pequeno tren de madeira, bicicletas, renos, coellos, … serán outros dos elementos, estreados xa en 2019, e que volven reutilizarse nestas festas. Tamén se volveu instalar na rúa Ordóñez a árbore de Nadal de madeira coa frecha amarela coma estrela e co nome de todas as parroquias na súa base. Estes elementos estarán colocados nas prazas de Fromista, a Armada e San Fernando, a carón da igrexa de San Telmo, no Paseo da Corredoira, nas rúas Ordóñez, Ourense, Colón, e no Paseo Familia Álvarez Blázquez. 

Nas próxima semanas darase a coñecer o programa de animación musical que haberá durante as datas festivas con pasarrúas a cargo de distintos grupos.  A programación pecharase o 5 de xaneiro coa presenza en Tui dos Reis Magos, Melchor, Gaspar e Baltasar.