Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

O Teatro Municipal retoma a programación con seis espectáculos no mes de marzo

26/02/2021

Maxia, teatro e cinema forman parte desta oferta  cultura. As entradas estarán á venda en tui.gal

. A próxima semana volve a programación ao Teatro Municipal de Tui con seis espectáculos que terán lugar entre o 4 e os 24 de marzo. O Concello de Tui retoma así a súa actividade cultural nunha aposta pola cultura segura cun estrito protocolo anticovid, e un aforo limitado ao 25%.

A presentación tivo lugar esta mañá a cargo do alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, a concelleira de Cultura, Sonsoles Vicente, xunto a Elisa Alfaya e Ian Hamilton de 2 Mind Combined, e Laura Villaverde de Artesa Cía.

O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, destacou a presentación desta oferta cultural na xornada na que despois de catro meses de peche perimetral se permite de novo a mobilidade. Unha vez superada esa situación, dicía, “presentamos a programación do teatro de marzo que ven plasmar a implicación que este concello ten coa cultura”. Agradecía o traballo e o esforzo realizado dende o departamento de Cultura para en momentos complicados “sacar adiante a programación cultural e poder plasmala con todas as dificultades e con todas as limitacións que temos que superar”. E destacaba que se está a facer un traballo importante para que “a cultura non perda os pasos nin o tren que nunca debeu ter perdido, e que pola situación que estamos vivindo pasa por momentos moi difíciles”.

A concelleira de Cultura, Sonsoles Vicente, explicitou esta aposta pola cultura nunha proposta que estaba xa prevista para a inicio deste mes de febreiro pero que tivo que adiarse debido ás medidas restritivas en vigor. Neste tempo barallaron distintas alternativas para poder manter así os espectáculos programados nos que a capacidade do teatro estará limitada ao 25% do aforo, é dicir 148 butacas.  Destacou coma novidade que a venda de entradas realizarse exclusivamente en liña.  Remataba a súa intervención convidando á cidadanía de Tui e doutros concellos, agora que se permite de novo a mobilidade, a asistir ao Teatro.

Maxia, teatro e cinema centran esta programación de inverno no Teatro Municipal.

A primeira cita será o xoves, 4 de marzo, ás 18.30 h, con Elisa Alfaya e Ian Hamilton de 2 Mind Combined que achegarán un espectáculo de maxia e ilusionismo para todos os públicos. Hoxe mesmo na presentación fixeron un truco de maxia con cartas nas figuran os lugares nos que teñen actuado ao longo dos 15 anos da súa carreira. A elixida foi precisamente na que figuraba o Teatro Municipal de Tui.

Ao día seguinte, venres 5 de marzo ás 19.30 h, La Quintana representan “O Premio” unha comedia interpretada por Victoria Teijeiro Álvarez, Raquel Espada e Xurxo Cortázar na que o público será quen decida o final entre os tres posibles.

O xoves, 11 de marzo, ás 18.30 h o público familiar a partir dos 2 anos, é o destinario da obra de monicreques  “O lobo e a lúa” que achega Baobab Teatro.

 O cinema estará presente o venres, 12 de marzo, as 19.30 h coa proxección de “A illa das mentiras” de Paula Cons, e o xoves, 18 de marzo, ás 18.30 h con “A Galiña Turuleca”.

A programación pecharase coa estrea de “Illas Desertas” de Artesa Cía, en dobre función, o martes 23 e o mércores 24 de marzo, ás 19.30h. Neste caso o aforo estará limitado a 50 persoas cada día.  Laura Villaverde, que xunto a Roi Fernández, se encarga da dirección, dramaturxia e posta en escena, desta innovadora obra que é “unha travesía cara nada”. Destacaba a colaboración de Fura del Baus e Sebastián Álvaro, nunha peza na que a tecnoloxía estará moi presente. Previa a estrea a compañía terá sete días de residencia no teatro tudense.

A entradas para cada espectáculo poranse á venda o luns da semana da función e poderán mercarse so en liña en tui.gal até o propio día do evento unha hora antes do comezo. O aforo estará limitado a 148 butacas, agás para “Illas desertas” que será de 50 persoas.