Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

A Biblioteca Municipal de Tui recibe axudas da Xunta para mellorar a súa colección bibliográfica

23/07/2020

Así como para actividades de dinamización lectora que se destinarán á conmemorar os 50 anos da Biblioteca Municipal tudense

A Consellería de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia ten comunicado a resolución das axudas convocadas para mellorar as coleccións bibliográficas e dotar de novidades editoriais ás bibliotecas e axencias públicas de lectura municipais integradas na Rede de Bibliotecas de Galicia. A Biblioteca Municipal de Tui recibirá achegas nas dúas liñas de axudas convocadas.

A primeira liña de axudas, que subvenciona a dotación de novidades editoriais en galego en formato físico beneficiará a Tui cunha dotación de 1.949,33 €. Con esta medida a Consellería de Cultura e Turismo pretende ofrecer aos usuarios estas novidades editoriais no momento da súa entrada no mercado, mediante un proceso de compra de libros en formato físico a cargo das entidades locais.

O segundo programa, dedicado á mellora das coleccións bibliográficas e no caso da Biblioteca Municipal de Tui a achega será de 2.415,46 €. Estas liñas de axudas enmárcase no compromiso da Xunta de Galicia por mellorar é incrementar a oferta e o servizo aos usuarios destes centros, actualizando as coleccións para que as bibliotecas planifiquen as adquisicións de novidades editoriais.

Tamén no mesmo ámbito, a Biblioteca Municipal tudense participará no programa de dinamización lectora que promove a Consellería de Cultura e Turismo, cunha achega de 859,03€ quen será destinada á realización de actividades de animación á lectura no mes de setembro/outubro, dedicadas especialmente á conmemoración do 50 aniversario da inauguración da Biblioteca Pública Municipal tudense que tivo lugar no ano 1970.
Para a responsable da concellería de Cultura do Concello de Tui, Sonsoles Vicente Solla, a concesión de ambas axudas unida aos fondos propios que achega o Concello nesta mesma materia posibilita que o centro bibliotecario tudense continúe mellorando a súa dotación de libros para todos os segmentos de idade da cidadanía tudense, que teñen na biblioteca un lugar privilexiado de acceso á cultura e a información ao longo destes cincuenta anos de actividade.