Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Un detido, unha alcoholemia positiva e denuncias por incumprimento da obrigatoriedade do uso de máscara entre as actuación da Policía Local na fin de semana

20/07/2020

Actuaron amais ante a comisión de distintos actos vandálicos

Un detido por agresión a axentes, unha denuncia por duplicar a taxa de alcohol permitida, e outras por non usar a máscara foron parte das actuacións esta fin de semana da Policía Local de Tui. 

O venres, axentes da Policía Local, deron o alto ao condutor dun vehículo que circulaba de forma errática, procedendo a denuncialo en vía administrativa ao dar resultado positivo na proba de alcoholemia en aire expirado realizada co etilómetro de precisión debidamente homologado. O resultado final foi de 0,58 mg/l en aire expirado, superando o dobre da taxa permitida regulamentariamente.

Por outra parte, o sábado pola noite a Policía Local detivo a un home por un delito de atentado contra os axentes da autoridade e negativa a identificarse en reiteradas ocasións. Os axentes foron requiridos por un particular debido a unha pelexa na que se viu involucrado o detido. Esta persoa, presuntamente baixo os efectos de bebidas alcohólicas, debido aos síntomas de embriaguez que presentada, arremeteu contra os axentes causándolles lesións aos dous policías locais que practicaron a detención. 

Tamén o sábado pola noite a Policía Local denunciou a dous clientes dun establecemento hostaleiro por incumprimento da nova obrigatoriedade do uso da máscara. Amais á última hora da noite  desaloxaron un establecemento de ocio nocturno debido ao incumprimento do horario de peche. O local estaba en plena actividade, con gran afluencia de persoas no seu interior, nalgúns casos sen manter a distancia de seguridade. 

Por último, durante a fin de semana, os axentes da Policía Local tiveron que intervir ante a comisión de distintos actos vandálicos en distintos puntos do termo municipal. Así rexistráronse pintadas na estatua de Calvo Sotelo, rexistrou un pequeno incendio nunha arqueta logo de que prenderán lume a uns papeis no interior, e que os axentes sufocaron cun extintor,  e tiraron vallas ao río no Paseo Fluvial que se empregaran para delimitar a zona do cinema ao aire libre.