Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Última fin de semana da fase de proba da peonalización do conxunto histórico

24/06/2017
Praza do Pracer peonil

Esta é a última fin de semana da fase de proba do Plan de Peonalización do conxunto histórico de Tui que se puxo en marcha o 2 de xuño. Nesta primeira fase aplícase dende os venres ás 16h até os luns ás 8h. A peonalización pasará a ser definitiva a partir do venres 30 de xuño ás 16h, segundo avanzou a concelleira de Patrimonio, Carmen Núñez.

Estas catro fins de semana de proba serviron para comprobar o correcto funcionamento das pilonas de acceso e solucionar pequenas avarías que se detectaron, así coma para comprobar se era preciso realizar algunha modificación ou cambio a posteriori na ordenanza. Carmen Núñez fixo unha valoración moi positiva desta primeira experiencia que brindou a oportunidade de ver un casco antigo sen coches estacionados, con prazas e rúas recuperadas de novo para os peóns e con nenos xogando de novo nas rúas. Unha vez se aplique a peonalización definitiva dentro dunha semana procederanse  realizar cambios no conxunto histórico coma a colocación de mobiliario urbano coma papeleiras ou bancos, e a eliminación de bolardos que deixarán de ter sentido unha vez a zona sexa peonil.

O principal problema na aplicación do Plan Peonalización estivo no respecto da Zona Verde destinada ao estacionamento de residentes na propia zona ou en intramuros, xa que en moitos casos aparcaban na mesma vehículos sen os correspondentes distintivos R e RE. Até o de agora colocáronse nestes vehículos avisos informativos pero a partir da peonalización definitiva comezará a sancionarse.  Dende o Concello de Tui buscarase mellorar a sinalización destas zonas situadas na rúa Ordóñez, no Piñeiro, na rúa Martínez Padín e no Paseo Fluvial.

Coa entrada en vigor da peonalización definitiva deixarase de poder estacionar polas noites os residentes, de tal xeito que o acceso ao conxunto histórico será só para labores de carga e descarga.