Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Tui porá en valor o seu patrimonio xudeu durante as Xornadas Europeas da Cultura Xudía

4/08/2017

Dar a coñecer o importante patrimonio vinculado á cultura xudía é o obxectivo das actividades que se van celebrar en Tui do 1 ao 3 de setembro dentro das Xornadas Europeas da Cultura Xudía que este ano teñen por lema “Diáspora”.  O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, o concelleiro de Turismo, Laureano Alonso, e o historiador tudense, Suso Vila, foron esta mañá os responsables de dar a coñecer a programación prevista.

O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, sinalou que “estas xornadas poñen en valor a nosa historia e a importancia que o xudaísmo tivo na cidade” formando parte do patrimonio material e inmaterial tudense.  A partir do mesmo ábrense, dicía o rexedor, múltiples posibilidades no campo cultural, turístico e mesmo económico.  Lembrou que para o goberno municipal dende o primeiro momento foi unha prioridade que Tui forme parte da Rede de Xuderías de España, algo que será realidade en breve.

Laureano Alonso, concelleiro de Turismo, salientou que estas actividades porán a Tui no mapa internacional xa que o programa previsto figura xa na páxina web da Jewish Heritage, ao tempo que avanzou a próxima edición dun novo folleto sobre o Criptoxudaísmo na cidade.

O historiador tudense, Suso Vila, explicou que o obxectivo que se persegue con estas xornadas é “expor o riquísimo legado que ten Tui” indicando que estas actividades teñen que ter coma resultado a incorporación de Tui á Rede de Xuderías de España o que “nos dará outra dimensión”.

Programa de actividades

O programa previsto contempla a celebración de dúas exposicións que do 1 ao 15 de setembro se poderán visitar na Área Panorámica “O exilio da filosofía: Francisco Sánchez, o tudense” e “As familias criptoxudías: entre a diáspora e a asimilación: os Coronel”.

Por outra parte celebraranse tres visitas guiadas cada día ás 20h. O venres 1 será sobre a “Comunidade xudía medieval”, o sábado 2 baixo o título “O criptoxudaísmo na cidade histórica”, e o domingo 3 titulada “A represión e a disidencia relixiosa: cárceres e Inquisición”.

O cinema estará presente nestas xornadas a través dunha colaboración con Play Doc e a Universidade de Jerusalén con proxeccións tanto o venres 1 coma o sábado 2.

A estas actividades sumarase o seminario “As paisaxes do exilio: a migración e o segredo das familias sefardís” que o venres 1 pola tarde se celebrará na aula da UNED no antigo convento de San Domingos.

Dende o Concello de Tui apóstase tamén pola recuperación do patrimonio gastronómico ligado á cultura xudía polo que se convidará aos restaurante locais a ofrecer nos seus menús durante a primeira fin de semana de setembro receitas sefardís.

Os Sambenitos, a casa de Salomón e a Menorá da Catedral elementos destacados do patrimonio xudeu

Como exemplo dese importante patrimonio que atesoura a cidade están os Sambenitos, atopados hai anos no arquivo da Catedral e que están arestora no Museo Diocesano. Son pezas únicas en Europa. A isto súmase a Casa de Salomón, única en Galicia na súa tipoloxía, situada na rúa Canicouva conta cun patio central arredor do que se distribúe a vivenda. Tamén compre destacar a Menorá do claustro catedralicio que é testemuña da relación que existía entre a comunidade xudía e a cristiá.  Estes son os tres elementos máis destacados cos que Tui conta ligados á importante comunidade xudía que houbo na cidade, aos que se suman moitos outros que se darán a coñecer na primeira fin de semana de setembro durante as xornadas previstas.

Visitas guiadas pola ruta xudía.

Pero xa a diario, de luns a venres, todos os interesados poden realizar un percorrido pola ruta xudía nas visitas guiadas que realiza o historiado tudense, Suso Vila, que parten ás 20h da praza da Inmaculada, ou por libre a través da ruta sinalizada que comeza tamén na praza da Inmaculada e que o través dos sinais e códigos QR conduce ao visitante polo patrimonio xudeu que conserva a cidade.  A ruta está recollida tamén nun folleto turístico a dispor dos interesados na Oficina de Turismo.