Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Tui levará a pleno nas próximas semana o PEPCHA para a súa aprobación definitiva tras o informe favorable de Urbanismo

6/11/2020

Nas próxima semanas, ben á sesión ordinaria deste mes ou a unha extraordinaria, será levado a pleno o Plan especial de protección do conxunto histórico, PEPCHA, para a súa aprobación definitiva tras recibir hoxe a notificación do informe favorable por parte da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo.

O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, valoraba positivamente esta nova que cualificaba de “ilusionante” pola nova etapa que abrirá no conxunto histórico de Tui e que chega “nun momento complicado coma o que estamos a vivir”. Indicaba Enrique Cabaleiro que se trata “dun documento fundamental para o concello de Tui e para o conxunto histórico”.

Enrique Cabaleiro lembrou os múltiples atrancos e vicisitudes aos que dende o Concello tiveron que facer fronte nos últimos anos  para sacar adiante este Plan Especial que poderá entrar en vigor unha vez conte coa aprobación definitiva polo pleno e complete a tramitación administrativa posterior, coma publicación nos boletíns oficiais entre outros requisitos.

Pola súa parte o concelleiro de Patrimonio, Laureano Alonso, afirmaba que esta  “é a noticia do mandato, sen dúbida” porque isto vai permitir unha maior facilidade na rehabilitación de edificios, temos unha serie de proxectos que dependían da aprobación da PEPCHA, entre eles o aparcamento do seminario, pero tamén outras licenzas … e as obras de rehabilitación van ser máis áxiles e máis fáciles. Isto dicía o concelleiro “vai supor un antes e un despois para a historia de Tui” . Tiña palabras de recoñecemento para o traballo realizado polos anteriores concelleiros de Patrimonio Nico Montes, Carmen Núñez, e Eduardo Freiría.